NOVOS RETOS PARA OS CONCELLOS

Manuel Corzo: "A xente non inviste no rural en O Bolo, non hai emprendedores"

Manuel Corzo Macias, alcalde de O Bolo.
photo_camera Manuel Corzo Macias, alcalde de O Bolo.

O alcalde popular de O Bolo, Manuel Corzo Macías, afirma non estar canso da xestión municipal. Afronta un novo e cómodo mandato nunha Corporación con seis concelleiros do PP e tres do PSdeG-PSOE.

Que valoración fai da oposición socialista neste novo mandato? 
Pensei que ía ser construtiva, mais vexo que ven a dar mítines aos plenos. Veñen a tratar de conquistar á xente. Traen uns cantos acompañantes ao pleno. Levan uns cantos amiguetes e dan mítines. A min non me gustaría empezar a alborotar o Concello e se empezo a levar xente, menudo lío. Eu estarei perdendo puntos, mais o portavoz socialista, Juan Ferreira, tamén. O outro día non me deixou falar. Teño que tomar medidas, porque se non, como vou facer? Vai contar mentiras. De O Seixo o queren botar, díxolle ao pedáneo que mandaba el.

É difícil gobernar un concello do rural galego, como O Bolo?
Penso que non é dificil. Nos 28 pobos. Empezando por Buxán e rematando por O Seixo, en todos fixen cousas. Están contentos. Cando entrei non había redes de saneamento, nin auga prácticamente, nos pobos. A xente axudou a dotalos cos servicios.

Como está o Concello en cuestión de servicios?
Non está como quixésemos. En tódolos pobos hai fosas sépticas. Os veciños encárganse da auga, se non tería que encargarse o Concello. O portavoz do PSOE, Juan Ferreira, o único que sabe é contar mentiras. Eu son dunha aldea. Non son nin da capitalidade do Concello e quero que a xente pague os menos impostos posibles. Se a xente non quere que se privatice a auga, os pobos que se queiran encargar dela a poden xestionar. Se queren que a asuma o Concello, este o fará, mais terán que pagar. Deben poñerse dacordo eles. A oposición di que a quero privatizar! Son uns mentirosos! O que máis me fastidia é que non haxa leis para castigar aos mentirosos. O que queren é desprestixiar a quen goberna.

Como se portan as Administracións co Concello de O Bolo?
Como me deron bastantes cartos para o embelecemento e rehabilitación de As Ermidas, a Xunta, basándose neso, non axudou aos outros pobos. Como me deu máis dun millón de euros para o santuario, dixeron que xa me deran cartos. Van dando algo, como en todos os lados. No do Consorcio de Augas de Valdeorras somos todos iguais. Somos os nove concellos. Eu fun quen máis protestou para que se pagase o mínimo. Cando teñamos o servicio, se cadra, teremos que pagar eses cinco euros. Non pagaremos ata que non funcionen as fosas sépticas.

O turismo pode ser unha vía de futuro para O Bolo, co seu castelo ou o santuario de As Ermidas. Como está o plan director do templo?
Temos todo aí. Só fai falla o diñeiro. O outro día, cando fun ver ao presidente, viñeron os de Patrimonio e empezaron a mirar o primeiro bancal. Onde están os baños. Empezarán por aí e irán pouco a pouco. Se mandan cartos vaise ir facendo, mais tamén teño outros 28 pobos. Eu, ao presidente lle pedín para As Ermidas mais tamén para os outros pobos, A Rúa do Centro de O Bolo. Hai un proxecto e comprometeuse a que o faría. Sube a 200.000 euros. Poñeremos pedra. Hai que facer todo prácticamente de novo e despois poñerlla. O importante é que a Xunta mande os cartos para As Ermidas. Tamén presentei a rehabilitación dos muiños. Imaxina unha excursión que, despois de ver O Bolo, o seu castelo e o santuario de As Ermidas, visita tres muiños. Recoñezo que somos poucos veciños e no templo lévase feito moito.

Fálenos dos muiños.
O proxecto dos muiños teño que facelo neste mandato. O presuposto é de aproximadamente 180.000 euros. Un deles recuperarará unha minicentral e amosará como xerar luz. Os rapaces, cando cheguen alí,  verán como se produce. É un motivo para vir ao Concello. Tamén están o muiño fariñeiro e outro para a elaboración de aceite. Sería un foco atractivo.

En que condicións está o castelo?
O castelo está moi ben conservado. Agora temos que poñer unha informadora turística. A ver se nos dan algunha subvención. Podemos poñelo cos cartos do Concello mais despois quedamos sen recursos. O Bolo é un concello solvente, non debe nada. Esto o subliño, porque os da oposición andan dicindo que estamos empeñados. Pero en que país vivimos! Como se poden contar mentiras!

Como valora o futuro dos concellos do rural?
Os concellos do rural... Nós damos axudas, mais porque recibas algo non vas ter un fillo. Non hai fábricas. En O Bolo, se houbese algúns emprendedores e montasen unha industria de castañas, por exemplo! A xente non inviste. O colexio vai tendo rapaces e, cando non os teña, suprimirán algunha unidade. Que lle vas dicir á Xunta? Que non a supriman? Estamos dando máis axudas. Agora 100 euros anuais a todas as familias con máis de tres fillos ata os 18 anos. Aos que teñen fillos lles funciona, aínda que non aparece ninguén que, por 100 euros, desexe ter máis de tres fillos. Supoño que será en tódolos concellos igual. Aquí, hai unha casa de turismo rural, que abriu en As Ermidas e está pechada. Penso que algo daría, incluso un quiosco, aberto dende que empeza Semana Santa ata outubro, ou incluso no Nadal. Mais non hai nada. A xente non emprende.

Non está canso despois de tantos anos de alcalde? Volverá presentarse?
Non o sei. Cando pasen tres anos e medio xa llo direi. Eu de canso nada. Non o estou. Agora, que xa levo tempo e teño os meus anos. Haberá que buscar alguén. Teño xente moi boa na Corporación. Son uns concelleiros moi dignos de representar o que representan. n

Te puede interesar