O Concello de A Veiga propón o dúo deporte e acción social

A III Carreira e andaina popular terá lugar o próximo sábado 19 de agosto, nunha xornada de actividade física e solidariedade 

O próximo 19 de agosto terá lugar a xa tradicional Carreira e Andaina popular Trevinca - A Veiga. Os beneficios económicos que se obteñan irán destinados, coma cada ano, a Agalea (Asociación Galega de Afectados pola ELA).

A presentación desta terceira edición tivo lugar durante a mañá de onte no Pazo Provincial, coa participación de Bernardino González, asesor de Deportes da Deputación; Juan Anta, alcalde de A Veiga; o director técnico da Delegación de Valdeorras, Agustín González; o delegado da Federación Galega de Atletismo (FGA), Manuel Rodríguez; e os representantes da Plataforma de Afectados de Esclerosis Lateral Amiotrófica, Rosa María García e Víctor Loira. 

Durante o acto, Bernardino González destacou o "compoñente solidario" da iniciativa, que fomenta tanto a práctica de exercicio físico coma a visibilidade da enfermidade. Rosa María García, pola súa parte, quixo agradecer ao Concello de A Veiga a súa participación, e explicou que "as achegas económicas irán destinadas a investigar a cura desta enfermidade". 

Agustín González explicou o significado especial da proba, pola súa colaboración coa asociación de afectados pola doenza. Tamén deixou claro a intención da federación de seguir traballando para "unir as actividades deportivas a accións sociais". 

Este tipo de propostas, tal e como explicou Juan Anta, "dan a coñecer o noso territorio e esperamos consolidalas no tempo, porque continuaremos a apostar polo deporte vencellado ao turismo". 

A carreira constará de dúas voltas nun circuíto urbano de 4.260 metros, mentres que a andaina terá un total de 10.400 metros. A saída e a meta terá lugar no propio Concello de A Veiga. 

Aqueles que estén interesados poden inscribirse na páxina web www.carreirasgalegas.com, na Oficina de Turismo da localidade ou incluso ata unha hora antes da saída. As inscricións nas categorías dos cativos poderán realizarse ata media hora antes do inicio, e serán de balde. 

Te puede interesar