Dúas corais e dúas rondallas, no 24 Festival de Habaneras

Xunto co Orfeón, actuarán Oihartzuma de Vizcaya, Bohemios de Ferrol e Alfaia de Cenlle

Dúas corais e dúas rondallas conforman o cartel do XXIV Festival de Habaneras, que organiza o Orfeón do Carballiño e que se celebrará o próximo 5 de agosto, ás 20,30 horas, no Auditorio municipal. Trátase das corais Oihartzuna de Vizcaya e do anfitrión do evento, o Orfeón do Carballiño, ademáis das rondallas Bohemios de Ferrol e Alfaia de Cenlle. Tamén, nesta nova edición renderase homenaxe a Ernesto Lagarón Vidal, presidente da Unión de Asociacións Galegas en Cataluña, polo seu labor de promoción cultural nesa comunidade  durante 35 anos.

O festival foi presentado polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández; o presidente e director do Orfeón, Emilio Rodríguez e Christian Casas, respectivamente, e o tamén directivo desta entidade, Francisco Fernández. 

Emilio Rodríguez destacou a traxectoria deste certame que comezou no ano 1994 cando quixeron render homenaxe aos emigrantes. O director do Orfeón, Christian Casas, abondou nesta idea aducindo que polo Carballiño xa teñen pasado 58 agrupacións de Venezuela, País Vasco, Asturias, León, Madrid e de toda Galicia, entre outros lugares.

En canto aos participantes deste ano, a Rondalla Bohemios de Ferrol ten 40 compoñentes, e acadou numerosos premios por toda España. A Coral Oihartzuna de Vizcaya está formada por 36 voces mixtas e ten participado nos mellores festivais, acadando moitos premios en diversos concursos. Dase a circunstancia de que membros desta coral permanecerán no Carballiño durante toda a semana grande da Festa do Pulpo. Tamén destacaron a calidade da rondalla Alfaia de Cenlle, unha das poucas que quedan na provincia.

O repertorio do Orfeón da vila consistirá na interpretación de catro habaneras e a estrea da adaptación dunha parte dunha ópera a 7 voces, segundo indicou Christian Casas.

O concelleiro de Cultura, Diego Fernández, fixo un recoñecemento público ao Orfeón polo traballo que realiza cada ano para encher o auditorio neste festival, así como por promover o nome do Carballiño nas súas viaxes. Nese sentido, Emilio Rodríguez apuntaba que promocionan a vila falando do polbo e da súa festa, dos balnearios e da Veracruz. 

Te puede interesar