RIBADAVIA

Emotiva lembranza a Rubén García, impulsor da MIT

ourense 14-7-2017, homenaxe a Ruben Garcia, presentacion concelleira  Maria Tuño y el alcalde de ribadavia Ignacio Gomez
photo_camera Instantes previos ao descubrimento da placa de lembranza e homenaxe a Rubén García.

A súa familia e autoridades descubriron a placa que dá o seu nome ó Auditorio do Castelo

 A vila de Ribadavia amosou a súa lembranza unánime a figura de Rubén García, principal impulsor da Mostra Internacional de Teatro (MIT), que tamén dirixiu durante 25 anos, ata o seu falecemento no outono de 2008, con 57 anos, debido a unha enfermidade dexenerativa. Foi unha multitude de veciños, compañeiros e amigos, os que se achegaron na tarde de onte ata o Castelo dos Sarmiento para asistir ó descubrimento da placa que identifica ó auditorio existente na fortaleza co nome de Rubén García.

Unha denominación que foi ratificada, tamén de xeito unánime, pola Corporación municipal, na sesion plenaria do pasado mes de xuño, á proposta do grupo de goberno socialista. Así, o alcalde, Ignacio Gómez, a edil de Cultura, María López, e outros concelleiros do resto das formacións políticas, foron quen de arroupar á familia do homenaxeado, representada pola súa filla maior, Lúa García.

Tanto o rexedor como a concelleira destacaron o papel fundamental de Rubén García na consolidación, xunto con outros ribadavienses, da asociación cultural Abrente, nos primeiros anos 70 do século pasado, que logo sería o xérmolo das primeiras mostras teatrais de teatro galego, que darían paso, no 1984, ó actual certame internacional, que converteu a Ribadavia nunha das capitais mundiais da escena. Unha traxectoria que o levaría a recibir o Premio María Casares pola súa traxectoria e adicación íntegra  á dinamizacion cultural no eido teatral, fundamentalmente na MIT, da que Roberto Pascual recolleu a súa testemuña como director.

Cunha música de fondo elexida específicamente pola familia, Lúa García tivo unhas emotivas verbas de agradecemento ós promotores da homenaxe, "que él na súa humildade, consideraría inmerecido", á vez que lembrou as relacións humanas co seu pai. Unha pechada ovación e aplausos dos asistentes elevou a emoción no ambiente, antes de que a propia filla e o alcalde deixaran ó descuberto no acceso interior do Castelo ribadaviense a placa "Auditorio Rubén García".

Un recinto no que, según apuntaron os organizadores, o homenaxeado pasou moitas horas preparando a escenografía e ultimando os detalles, laboura que compaxinaba coa atención ós espectadores e medios de comunicación na oficina da Mostra ubicada na Praza Maior da vila.

Asemade, destacaron a proxección que Ruben García tivo na súa xeración e nas xeracións futuras, sobre todo no asentamento en Ribadavia dunha compañía estable de teatro afeccionado, Teatro do Vilar, que na noite de onte foi a encargada de levantar o telón coa presentación do seu espectáculo "As Cuñadas", en versión de Roberto Salgueiro.

Te puede interesar