danza

A MIT reivindica o seu papel dinamizador do eido escénico

photo_camera O primeiro espectáculo, na Praza Maior, foi a cargo da compañía andaluza Vaivén Circo.

A Madalena acolleu o acto de inauguracion do festival, que se desenvolverá ata o 24 de xullo

 capital do Ribeiro é, dende onte, tamén cabeceira senlleira da escea mundial, coa posta  en marcha da 33ª edición da Mostra Internacional de Teatro (MIT), que se desenvolverá ata o vindeiro 24 de xullo en varios espazos do municipio. "Son dez días de vida nos que ó saír á rúa se respira un ambiente diferente, de alegría, de ilusión; días de soños, que se cumpren no que dura un espectáculo", tal e como subliñou María López, a concelleira de Cultura de Ribadavia.

Un programa que se iniciaba ás oito da tarde na Praza Maior coa actuación da compañía andaluza Vaivén Circo e a súa montaxe "Do not disturb", dentro do apartado Ruadavia do festival, orientadoá achegar a veciños e visitantes os espectáculos ó aire libre de xeito totalmente gratuito. Entre os actores desta obra, Miguel Ángel Moreno, “Bolo”, tamén fundador do grupo, e que recibiu o Premio Nacional de Circo 2016, recoñecéndolle a renovación da acrobacia a partir da incorporación de elementos escénicos.

Unha función que foi seguida por numeroso público, nun casco histórico no que se comeza a notar a presenza de visitantes, uns que se manteñen fieles á cita anual da Mostra e outros que acuden por vez primeira, expectantes ante a posibilidade de disfrutar dun excelente espectáculo e, de paso, poder degustar un bó viño do Ribeiro en calquera dos establecementos hosteleiros da contorna.

A antiga igrexa da Madalena, transformada en centro cultural e de exposicións, acollía, pasadas as nove da tarde, o acto oficial de inauguración da MIT, no que fixo de anfitrión o alcalde, Ignacio Gómez, e que contou coa presenza de Montserrat Iglesias, directora xeral do Instituto Nacional de Artes Escénicas e Musicais. Gómez destacou que "desde os seus inicios, a Mostra tentou ser unha experiencia que reflectise o que mantén unida á nosa sociedade", de xeito que nas montaxes escénicas, "un recoñece os seus propios valores, aprende a aceptar outras opinións e comprender puntos de vistas distintos". Pola súa banda, Pascual reivindicou "o dereito de termos, coma calquera outra sociedade avanzada, proxectos culturais sólidos que posibiliten visibilizar e facer crecer ao conxunto do sector escénico galego, pero tamén que permitan ter acceso aos grandes mestres da escea internacional".

Montserrat Iglesias agradeceu o convite de asistencia por parte da organización, e amosou o apoio incondicional da institución que preside "a un festival de promoción da arte da escea que ano tras ano crece tanto na calidade do seu programa como na diversidade da oferta de compañías e disciplinas teatrais". 
A xornada de onte tivo como remate, ás 11 da noite, a primeira representación prevista no Auditorio do Castelo, a obra "Golem" a cargo da compañía británica 1927, que contou coa coproducción do Festival de Salzburgo, Théâtre de la Ville de París e Young Vic Theatre de Londres.

Te puede interesar