OURENSE DE 5 EN 5

Non perdas a pista dos festivais de música ourensáns

Se es un "festivaleiro", apunta estes cinco eventos que selecionamos e nos que, de seguro, haberá festa a escachar!

Festivais da provincia.
Festivais da provincia.
Non perdas a pista dos festivais de música ourensáns

As citas musicais multiplícanse no verán, e a provincia de Ourense non ía ser menos. Son moitos os festivais que se celebran en diferentes puntos, desde O Barco ata Castrelo de Miño. Se es un "festivaleiro", apunta estes cinco eventos que selecionamos e nos que, de seguro, haberá festa a escachar!


Sil Fest, no Barco de Valdeorras


Tres xornadas ás beiras do río Sil ao seu paso pola vila valdeorresa. O Sil Fest celebra este ano a súa terceira edición, na que estarán presentes grupos do panorama nacional como Varry Brava, Dinero, Grises, Nunatak ou The Parrots. Os días 19, 20 e 21 de xullo, haberá cine ao aire libre, un certame de poesía e paseos en kayak. As entradas están dispoñibles a partir de 15 euros.


Festival Reina Loba, en Os Blancos


Espacio Matrioska son os responsables de que este festival vaia pola súa cuarta edición. Artes, música e ecoloxía son os mantras deste evento, que se celebra na localidade de Os Blancos. Os días 9, 10 e 11 de agosto, pasarán por esta vila da Limia Club del Río, Rupatrupa, Alpargata ou Mundo Chillón. Natureza e música, e de balde!


Festival Fax, en Xinzo


A Alameda do Toural acollerá, por segundo ano consecutivo, o Festival de Música Alternativa de Xinzo (FAX). A música comezará a soar o 28 de xullo ás 20,00 horas, cos locais Os da Lagoa e Aimil Folk. Completan o cartel Los Coronas, Chotokocu e Guezos. Por oito euros, poderás disfrutar dunha xornada de música no corazón da Limia.


Ribeira Sacra


A medio camiño entre Ourense e Lugo, este festival está consagrado como un dos máis importantes de Galicia. Na parte ourensá, en Nogueira de Ramuín estarán Ses ou Los Hermanos Cubero, no seo do Parador de Santo Estevo, os días 4 e 5 de agosto. Hai entradas dispoñibles a partir de 30 euros.


Ribeiro Blues Wine Festival, en Castrelo de Miño


Aínda sen desvelar o cartel deste ano, podese intuír que seguirán a mesma liña musical, pola que pasaron The Soul Jacket, Freedonia ou Fatzilla. O que si que se sabe é que se celebrará no náutico de Castrelo os días 10 e 11 de agosto.