RECOÑECEMENTO

A obra "Poesía", de Roi Vidal, consegue o XII Premio Abrente

premio_abrente_result
photo_camera Ernesto Is, Sheyla Fariña, María López, Diana Mera e Roberto Pascual, os membros do xurado.

O xurado destacou a orixinalidade da peza e o traballo documental que fixo o autor compostelán

O xurado do Premio Abrente de Textos Teatrais, que otorga a Mostra Internacional de Teatro, decidiu premiar, na súa duodécima edición, o traballo “Poesía" (materiais para montar unha escena de cama), que foi escrito polo autor compostelán Roi Vidal Ponte. A comisión avaliadora deste certame estivo integrada pola actriz Sheyla Fariña, a directora e actriz Diana Mera, o dramaturgo Ernesto Is (Premio Abrente da edición anterior), a concelleira de Cultura de Ribadavia María López Touza e o director da MIT, Roberto Pascual.

 No seu fallo, que foi feito público no mediodía de onte, o xurado indica que se trata dunha orixinal peza que propón un xogo escénico de materiais para montar unha escena de cama, a través da ironía no tratamento da linguaxe e das situacións. Ademais, destacan que "Poesía" propón unha estrutura en tres partes moi interesante de cara a unha posta en escena polas múltiples opcións que formula empregando citas, accións e palabras.

Consideran, tamén, que é un texto valente, actual, que aborda a sexualidade de forma aberta e sincera, onde os corpos teñen voz e rompen cos estereotipos e roles sexuais asumidos socialmente. O xurado subliña, igualmente, o coidado e adicación á escrita evidenciada neste texto, tanto no coidado da linguaxe coma no traballo documental que nutre á obra dun cúmulo de referencias moi atinadas.

Finalmente, resaltan a calidade de moitos dos textos presentados ao Premio Abrente correspondente a este ano. "Malia que a decisión do xurado foi unánime, a diversidade e as calidades de moitos dos textos, permitiron un profundo intercambio de opinións nas deliberacións, o que salienta de xeito evidente o momento de vigor da dramaturxia galega actual", según contemplan na acta os membros do xurado.

Roi Vidal Ponte, fillo do xa finado dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, nado en Santiago de Compostela no 1982, é licenciado en Filoloxía Galega e, tamén, en Dirección de Escena pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD). Nos seus inicios publicou poesía e guións teatrais, para pasar logo á dirección de escena, coa estrea das pezas "Matilde", de David Pobra e Mario Benedetti (para Bicodobrelo, 2008);"Faraoas" (Tirita Producións, 2011);"Operación Triunfo",  creación colectiva de Gargallada Teatro (2015), e "Illa/Ollo", a partir dun texto de Manuel Lourenzo, coa compañía Nasdrovia, tamén no 2015. 

Te puede interesar