FORMACIÓN

Os pequenos de Vilar de Santos aprenden sobre programación

<p></p>
photo_camera O telecentro está incluido na rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica.

Nenos e nenas do concello participaron nun obradoiro de Programación e Videoxogos no telecentro

Os máis cativos de Vilar de Santos participaron nun obradoiro gratuíto de Programación e Videoxogos con Scratch no telecentro do Concello. Tratouse dunha iniciativa que tivo como obxectivo fundamental achegar a rapaces e rapazas, maiores de 8 anos, ao emprego das novas tecnoloxías e á mellora dos coñecementos neste senso. O obradoiro repartiuse entre os días 1 e 2 de agosto e 22 e 23 do mesmo mes, en horario de 12,00 horas a 13,00 horas.

Dende o Consistorio limiao promoveron, para estes tres meses de verán, numerosas actividades. O rexidor local, Xan Xardón, sinalou que se tentou facer especial fincapé "na convivencia e na ambientación das mesmas, nos diferentes espazos e lugares do concello".

O Campamento de Verán de Vilar de Santos continuará, ata o vindeiro mes de setembro, todos os días polas mañás con distintos obradoiros como xincanas, xogos, excursións, actividades na piscina municipal, cociña e outras actividades lúdicas e formativas dirixidas aos mais pequenos, de entre 3 e 12 anos de idade. No campamento participan, en total, 24 nenos e está destinado a ocupar o ocio e o tempo libre dos rapaces durante o periodo das vacacións de verán.

Por outra banda, a piscina municipal continúa co seu programa habitual de actividades e apertura diaria polas tardes. Segundo sinalou o rexidor local, "incorporamos novas actividades varios días pola mañá para os máis pequenos e tamén para os maiores". Dende o Concello matizaron que este ano "incrementouse a asistencia diaria ás instalacións".

Ata a vindeira semana poderase visitar a exposición "Unha vida de ra" no Museo da Limia. Trátase dunha mostra, propiedade dun veciño da comarca, composta por máis de 200 figuras de ras. A exposición leva o mesmo nome da obra literaria do escritor limiao Rafael Laso Lorenzo "Unha vida de ra", que foi presentada no propio Museo da Limia. 

Te puede interesar