FESTA DO POLBO

A "Pulpeiriña do Arenteiro" soará no Filandón de Música do Caurel

20170726210728173_result
photo_camera Fumega, Lola Castro e Foxo.

A cantiga da Festa do Polbo será interpretada pola coral polifónica do casino e o gaiteiro Marco Foxo

O Concello do Carballiño presentará a cantiga "Pulpeiriña do Arenteiro", da que son autores Felipe Senén e Xosé Luis Foxo, na XX Filandón de Músicas do Caurel, que se celebrará o próximo 6 de agosto. Será interpretada pola Coral Polifónica do Casino e o gaiteiro Marco Foxo, e tamén recibirá unha das medallas desta edición o historiador carballiñés Felipe Senén. 

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, recibiu onte para a presentación deste evento á alcaldesa de Folgoso, Lola Castro e a Xosé Luis Foxo, creador deste festival de música tradicional e director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. Tamén asistiron os concelleiros de Cultura e Turismo do Carballiño, Diego Fernández e José Manuel Dacal.

Xosé Luis Foxo explicou que a orixe do filandón débese ás reunións dos veciños ao pé do lume para cantar e contar contos. Tamén sinalou que, pese a que moitos dos maiores coñecedores desas cantigas xa faleceron,  puido salvar do esquecemento uns mil cánticos, coas correspondentes grabacións e partituras.

Finalmente, referiuse ao "brindador" Antonio Río Montero, a quen se renderá homenaxe nesta edición, e á cantiga “Pulpeiriña do Arenteiro”, que soará por primeira vez no Caurel, xunto coa composición “A Pastora”, unha especie de hino do Caurel. 

Te puede interesar