Laza

Retorta viaxa varios séculos atrás

photo_camera Os moros, despois de rendirse fronte ao bando cristián.

O combate entre moros e cristiáns reuniu, nesta localidade do municipio de Laza, a numerosos veciños e visitantes

 

O campo da Ribeira de Retorta converteuse en escenario de batalla durante a xornada de onte. Dun bando, os cristiáns e as imaxes de San Antonio e Santa Mariña.

Doutro, os moros, coa pretensión de roubarllas. "Esta tradición é dunha época moi antiga e foise pasando de xeración en xeración", explica Sergio Boo, un dos organizadores da recreación histórica. Na súa casa garda as traxes durante todo o ano, listos para salir a pasear cada mes de xullo.

"Os actores veñen para que os vistamos e os axudemos e se fai falla, tamén me visto eu, son o comodín", explica Boo. Así, os propios veciños convértense por un día en centinelas, gardas ou capitáns, segundo lles toque. "Hai quen vive fóra e ven para participar. Este ano veu un mozo que está en Alicante, chegou onte pola noite e xa marcha de tarde, só polo gusto de formar parte disto", comenta. 

A partir das 12,00 horas comeza a representación coa procesión cristiá."O xefe dos moros intenta negociar para levarse aos santos, pero como non o consegue comeza a batalla", explica Boo.

O exército árabe cruza entón o río e chega ao campo da Ribeira, preparado para loitar. A frase "levanta moro levanta y resiste tu batalla" supón o final do combate e a cristianización dos vencidos. A tradición mantense tal cal era no pasado, coa única incorporación das "moriñas do Arén", as rapazas e nenas da vila.

A xornada, que remata con "paparota" e orquestra, busca involucrar aos máis novos na costume, ademais de ser unha excusa perfecta para pasalo en grande.

Te puede interesar