ENTREVISTA

Sés: “No único sitio no que hai xente que considera que o galego é un idioma inferior é en Galicia"

sesssss3
photo_camera A cantante e compositora galega, Sés, actuará hoxe no Fax.

A cantante e compositora galega é protagonista do festival "Fax" de Xinzo 

De seguro que non deixa indiferente ao público que esta noite se achegue ao Toural de Xinzo. A bergantiñana "Sés", cantautora galega moi reivindicativa, presentará o seu último traballo, "Opoñerse á extinción". Tamén fará un repaso de todos os seus traballos.

Existe en Xinzo unha especial ilusión polo regreso do FAX, qué opina vostede de que se recuperen este tipo de iniciativas?
Paréceme súper necesario. Penso que a política a nivel estatal non aposta máis que por unha cultura "mainstream", que máis que cultura é incultura. Polo tanto, que haxa festivais autoxestionados ou con apoios municipais, entidades locais que queiran levar a cultura ás festas é importantísimo. Supón, por outra banda, unha alternativa ás festas das orquestras que se están convertindo, sobre todo no caso da muller, en algo xa case delictivo. O que se amosa do noso xénero neste caso é unha faceta totalmente sexual, parece que unha cantante non pode ir vestida enriba dun escenario. 

Neste senso, xenéranse moitas polémicas últimamente vencelladas a cómo se reflexa a muller nas letras que empregan algúns artistas e grupos coñecidos. 
As letras desa música reflexan a realidade dun sistema machista. En concreto na música, eu resumo o que acontece nunha frase que creo que é simple pero clara: o cen por cen dos referentes musicais masculinos son referentes musicais e o cen por cen dos referentes musicais femeninos son referentes sexuais, e isto é un problema enorme. As nenas queren ser o que ven nos escenarios, que son mulleres espidas. Beyoncé ou Rihanna cantan moi ben pero non venden tantos espectáculos por iso. Mira qué polémica hai agora con que Rihanna está gorda. Están reducidas a obxectos sexuais. Non sempre foi así: Alanis Morisette saía vestida ao escenario, por exemplo. En 2017 a situación da muller non avanzou, senón que retrocedeu inmensamente.

O FAX tamén aposta pola cultura galega. 
Si, e parece que é algo que segue sorprendendo en Galiza. Da boa conta de cómo está a situación o feito de que sexa algo a destacar. Hai moitas festas nas que a maioría dos grupos galegos que van cantan en inglés.

No seu caso, as letras están escritas íntegramente en galego, cunha vertente reivindicativa importante. 
Non te creas, a maioría das miñas cancións falan de amor, de desamor, de vacile e de moitas outras cousas. O que pasa é que parece que non é normal o feito de falar na música. Estamos nun momento no que se chegou á prohibición de facelo mediante a cultura. A xente acobárdase e non o fai e, cando aparece alguén que si, parece que soamente é coñecido por iso.

En qué se inspira á hora de escribir?
En todo, na miña vida principalmente. Pero non son unha persoa que pase de todo. A mín impórtame o contexto, as cousas que suceden políticamente e que determinan a vida das persoas. Esto refléxase na miña música. 

Como está o traballo agora mesmo no ámbito musical? Supoño que durante estes meses estará de xira. 
Eu teño que dicir que dende que comecei en 2011 nunca parei de dar concertos, como moito dúas ou tres semanas. É algo que decido eu. A maioría dos meus concertos concéntranse en Galiza pero tocamos no resto do estado habitualmente: Madrid, Euskadi ou Valencia. Pero tamén saímos fóra, estivemos fai pouco en Bruxelas, Londres e, incluso, Alemania.

E cómo é a acollida da música en galego, fóra das nosas fronteiras?
Moi ben, perfecto. No único sitio onde hai xente que considera que o galego é unha lingua inferior para facer música é en Galicia. 

Cómo animaría á xente a que acuda ó FAX?
A xente moitas veces protesta porque non hai cousas nas vilas. Hai que sair e apoiar os proxectos polos que loita a veciñanza. Ten que seguir habendo actividade nas vilas e nos pobos, non soamente nas cidades e, para iso, temos que asistir. Todo o mundo o vai a pasar mellor que noutra festa escoitando "Despacito", porque hai máis música que "Despacito"e se descubre así, en directo. 

Te puede interesar