Un taller realiza un documental e spots nas Xociviga

uploaded_taller_result
photo_camera O equipo do taller de audiovisual, na sala de exposicións do Auditorio do Carballiño.

Son alumnos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra

Alumnos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra, da Universidade de Vigo, participan nun taller de audiovisual dentro das Xociviga (Xornadas de Cine e Video de Galicia), que se celebran no Carballiño ata o vindeiro 30 de xullo. O equipo traballa na realización dun documental e cinco spots sobre a vila do Carballiño. 
Tras varios días de rodaxe, o taller audiovisual Xocifilma, procede á montaxe do documental e spots, que serán proxectados nas Xociviga. O plan de rodaxe e formación foi presentado onte polo coordenador do equipo Miguel Grandío, que tamén realizou as montaxes auidovisuais dos premios de Honra e Insignia de Ouro das Xociviga.

Rodeado polos alumnos da Universidade de Vigo, institución colaboradora das xornadas deste ano, Grandío explicou que se trata dunha experiencia moi gratificante, xa que estaban descubrindo un auténtico potencial de vivencias dos carballiñeses sobre diversos aspectos da súa vila. Así, chamoulle a atención a tradición balnearia do Carballiño e a ligazón da vila e da parroquia de Arcos co pulpo. E, de feito, estes foron dous dos asuntos nos que máis incidiron durante a serie de entrevistas que fixeron estes días aos veciños. Ademáis, tasmén se mostraron sorprendidos do dinamismo cultural e de eventos que se organizan na vila. 

O documental titúlase “O Carballiño na memoria”, e os spots “Ese algo”, “Malentendido”, “Arredor dunha tapiña”, “O importante é o camiño” e “De perdidos ao río”.
As grabacións das reportaxes e as entrevistas comezaron a facerse o 16 de xullo, que era día de feira e do entroido de verán, e continuaron ao longo desta semana polas rúas e prazas da vila, no Parque municipal, no balneario e noutros lugares singulares do Carballiño e arredores.
O taller audiovisual Xocifilma é unha das iniciativas das Xociviga 2016, levada a cabo en colaboración coa Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra e ten un dobre obxectivo: mellorar a formación práctica dos alumnos e contribuir a incrementar o patrimonio audiovisual das Xociviga e do Carballiño.

Esta experiencia, que se puxo en marcha por primeira vez nas Xociviga, está resultando todo un éxito, polo que xa se pensa en potenciala para as vindeiras edicións, segundo informaron os responsables municipais. 

Te puede interesar