COLE A COLE

120 escolares na gran festa de Galicia

A praza de San Martiño acolleu a celebración do Día das Letras Galegas organizada pola Concellería de Educación e na que participaron nenos e nenas procedentes de tres centros de ensino da cidade

Os escolares gozaron da celebración do Día das Letras.
Os escolares gozaron da celebración do Día das Letras.
120 escolares na gran festa de Galicia

O 17 de maio é o día grande de Galicia e un ano máis, desde a Concellería de Educación do Concello de Ourense organizaron unha actividade para que os escolares da cidade conmemoraran por todo o alto o Día das Letras Galegas. A céntrica praza de San Martiño foi o punto de encontro de máis dun cento de nenos e nenas, concretamente 120 escolares, de 5º e 6º curso de Educación Primaria, procedentes dos centros de ensino: CEIP As Mecedes, CEIP A Ponte e CEIP Amadeo Rodríguez Barroso. 

A proposta organizada pola Concellería de Educación dividiuse en dúas partes ben diferenciadas. Por unha banda fíxose entrega do premio correspondente ao VI Certame de Microrrelato on line que este ano levaba como tema central "Unha viaxe por Galiza". 

A gañadora desta edición foi Aroa Dios Do Campo, alumna de 6º de Educación Primaria do CEIP  A Ponte que presentou o microrrelato titulado “Soñando”, seleccionado polo xurado único composto pola escritor Xavier Estévez Ferreiro que tamén foi o protagonista da actividade “Encontros co Autor” do programa “Animación á Lectura”.

Tamén houbo agasallos para cada un dos catro finalistas que foron “A Cabina” de Hugo Iglesias Gómez, de 6º do CEIP Virxe de Covadonga; “As Vacacións de Martiño” de Yoel Sánchez Martín, de 5º do CEIP As Mercedes; “Transformador de Paisaxes” de Hugo Mosquera Alonso, de 6º do CEIP Amadeo Rodríguez Barroso: e “Unha Illa Marabillosa”, de Irene Fernández Iglesias, de 6º do CEIP A Ponte

A Concelleira de Educación e Cultura resaltou que o obxectivo principal deste certame é fomentar o uso do galego, a través da capacidade creativa dos escolares da cidade. Todos os microrrelatos presentados están xa na páxina web da Concellería de Educación.

Despois da entrega dos premios, os escolares gozaron dun fantástico espectáculo que se montou a partir da obra de María Victoria Moreno que leva por título "María e os Ollos Alabarados", no que a través de diversos relatos e fragmentos da obra (“Mar adiante”, “Pan con chocolate”, “Querida avoa”, “Leonardo e os fontaneiros” ou “Eu conto, ti cantas”), realizouse un magnífico percorrido polo universo da autora, poñendo de manifesto os temas máis relevantes dos seus escritos; como a importancia dos afectos no ámbito educativo, o respeito á natureza ou o amor polos animais.