de qué se fala

Un cazatesouros preto de ti

20170917142828538_result
photo_camera Estatua - obra do artista vigués José Molares - do xenial escritor francés Jules Gabriel Verne (1828-1905).

Julio Verne e a lenda da ría de Vigo

Se un día dás un paseíño polos  xardíns de Montero Ríos, ao lado do Real Club Náutico de Vigo, verás unha estatua, obra do artista vigués José Molares, do xenial escritor francés Jules Gabriel Verne (Nantes,1828 - Amiens, 1905), o cal, xa ancián e cunha faciana tranquila, sostén un libro na súa man esquerda, mentres repousa pensativo, sentado enriba dos tentáculos dunha lura xigante. 

O CAPITÁN NEMO 
Entón, seguramente, lembraraste da súa famosa novela "20.000 leguas de viaxe submarina" e do Capitán Nemo, non o vas crer, tamén hai un monumento adicado a el en Redondela, ubicado entre o porto de Cesantes e a preciosa illa de San Simón, obra de Ramón Lastra e Sergio Portela. A estatua do Capitán Nemo, colocada nun enorme pedestal de pedra, está acompañada por dúas estatuas de dous  mergulladores colocados no mar que soamente póderalos ver cando a marea estea baixa. Os dous homes, mariños ás ordes de Nemo,  xacen  agochados para recoller os tesouros afundidos na ría de Vigo na batalla de Rande, acontecida en 1702. A placa coa dedicatoria e unha recreación do Nautilus, o submarino comandado polo Capitán Nemo, que acompañaban ao conxunto, foron trasladadas á illa de San Simón tras algún intento de roubo.
E pensarás: e logo, por que tantas pistas de Verne en Vigo? O motivo no é outro que "A Baía de Vigo" título dun capítulo que o escritor francés adicou a cidade de Vigo no seu libro "20.000 leguas de viaxe submarina" de 1871, onde o Capitán Nemo, un inquedante príncipe e enxeñeiro hindú,  aventurábase nas  profundidades da ría de Vigo en busca do  tesouro de Rande.

A BATALLA DE RANDE
¡O Atlántico! Unha vasta extensión de auga da cal, a súa superficie cobre vintecinco millóns de millas cadradas, cunha lonxitude de nove mil millas e unha anchura media de dous mil setecentas millas (...) Deste xeito comeza este  capítulo, no que o Nautilus e a súa tripulación, entraban na ría viguesa un 18 de febreiro de 1868. Neste episodio, (o oitavo da segunda parte da novela), o Capitán Nemo pretende proverse co ouro dos desexados galeóns afundidos na batalla de Rande. Así, o Capitán Nemo dillo ao narrador da historia, o profesor Aronnax, un famoso biólogo francés que é feito prisioneiro, xunto ao seu criado Conseil e o arpoeiro canadiense Ned Land, polo capitán misterioso, sendo conducidos polos océanos a bordo do Nautilus, no que vivirán aventuras marabillosas e sorprendentes.

O tesouro da batalla de Rande víñalle ao conto a Verne como fonte de financiación para a ambiciosa viaxe submarina do seu Capitán Nemo, cumprindo así na ficción cun dos grandes soños de numerosas expedicións arqueolóxicas: á procura dun tesouro que xa era lenda en Europa no século XIX. Deste xeito Vigo, a cidade olívica, forma parte da literatura universal, grazas a unha das obras máis traducidas no mundo. A Batalla de Rande foi un dos acontecementos navais máis importantes da nosa historia e tamén a máis importante lenda da ría de Vigo. A batalla ocorreu o 23 de outubro de 1702 entre as coalicións anglo-holandesa e hispano-francesa, durante a Guerra de Sucesión Española. Os galeóns españois chegaron á ría de Vigo co meirande  tesouro que xamais cruzara o océano  Atlántico: ouro, prata, xoias… e velaquí a lenda: uns historiadores aseguraban  que os galeóns españois refuxiáronse en Vigo, onde foron atacados polos barcos anglo-holandeses coa carga aínda no seu interior; outros afirman que os tesouros  xa se desembarcaran. Aínda que nunca se soubo onde.

UN ESCRITOR VISIONARIO
Julio Verne foi, sen dúbida algunha, un escrtior de ciencia ficción e aventuras adiantado ao seu tempo. Nos seus libros conta historias narradas sempre cun ton de verosimilitude científica, onde chega a predicir, con grande precisión, multitude de logros científicos, inventos e descubrimentos posteriores a súa época, é dicir, máquinas, ou viaxes que aínda non se realizaran no século XIX: robots, motores eléctricos, automóbiles, tanques de guerra, máquinas voadoras de grande tamaño, como o helicóptero ou as naves espaciais. E, por suposto, extraordinarias  viaxes a Lúa ou exploracións ao Polo Norte que aínda non ocorreran. É asombroso, pero en 1863, Julio Verne escribiu a novela "París no século XX". Trata dun mozo que vive  nun mundo onde hai rañaceos  de vidro, trens de alta velocidade, autos a gas, calculadoras e una rede mundial de comunicacións, é dicir, algo parecido a un telégrafo mundial, que fai as mesmas funcións ca Internet, que hoxe en día ti coñeces. Por iso, a parte de "20.000 leguas de viaxe submarina" ou "París no século XX", vaste soprender e gozar con outros relatos de aventuras fantásticas, como: "Da Terra á Lúa", "Viaxe ao centro da Terra", "Cinco semanas en globo", "A illa misteriosa", "O faro da fin do mundo","Escola de Robinsons", " A volta ao mundo en oitenta días", "Miguel Strogoff", "Os fillos do Capitán Grant"... 

Se Julio Verne vivise na actualidade, como imaxinaría o mundo dentro de cen anos? E ti?
 

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar
xornalescolar_0304_nuria_01
De que se fala

Solo lo que suma

xornalescolar_0304_otitis_01
Escola de Familias

¿Qué es la otitis?