XORNAL ESCOLAR

Claves: escoitar, entender e empatizar

Escolares de 1º de primaria, do CEIP O Couto, traballaron este curso na aula tres sistemas alternativos de comunicación e recibiron a visita de expertos para complementar esta interesante formación

Claves: escoitar, entender e empatizar

Coa idea de sensibilizar aos nenos e nenas dende idades temperás da existencia duns sistemas alternativos de comunicación que permiten a persoas con diversas capacidades comunicarse, nace un proxecto no CEIP O Couto no que están a participar escolares de 1º de Primaria. Os sistemas de comunicación que traballaron os escolares na aula, desde o inicio de curso, foron pictogramas, linguaxe de signos e braille.

Ademais destas alternativas de comunicación, aprenderon o importante que é saber escoitar ao outro, entender o que nos queren dicir e, especialmente, a impotancia de empatizar coas diversidades.

Para o estudo completo destes sistemas alternativos de comunicación, os escolares, xunto á súa mestra María Pérez Laso, levaron a cabo múltiples actividades e contaron coa colaboración de expertos en diversos campos. Deste xeito, Modesto, da Asociación de Sordos, Lidia e Mila, profesora de Pedagoxía Terapéutica, colaboraron con este proxecto, amosando os seus coñecementos sobre a temática obxecto de estudo aos nenos e nenas. No caso de Mila, explicoulles como se estaban a utilizar no colexio estes sistemas de comunicación con alumnado con capacidades diversas na canle da comunicación. 


Traballos elaborados


Tras coñecer os aspectos máis teóricos dos sistemas de comunicación alternativos e cos conceptos ben claros, os alumnos e alumanas, coa axuda da súa mestra, realizaron diversos traballos, era o momento de poñer en práctica todo o aprendido previamente. Así, elaboraron un panel de comunicación con pictogramas, contos con pictogramas, aprenderon cancións con linguaxe de signos, así como palabras e saúdos con LSE e coñeceron a manipulación do alfabeto Braille. 

A valoración da actividade foi moi positiva xa que desde o primeiro minuto contribuiu a enriquecer o traballo da aula, ademais de favorecer a apertura hacia aprendizaxes e situacións novas que permiten a empatía e entendemento coas situacións cotidiás e do entorno máis próximo. Este proxecto resultou tamén moi positivo para aprender a escoitar, saber entenderse e aceptar as diferentes maneiras de estar e entender o mundo.