XORNAL ESCOLAR

O comedor escolar

30.11.16.OURENSE.COLEXIO VIRXE DE COVADONGA.REPOR COMEDOR.
photo_camera Os escolares, usuarios do servizo de comedor escolar do CEIP Virxe de Covadonga, gozan participando en diferentes actividades e xogos con compañeiros de distintas idades.

É o motor que impulsa a educación integral e que axuda a dinamizar a vida do CEIP Virxe de Covandoga

Nos centros educativos, aparte de impartir nas aulas os contidos curriculares, hai outros espazos que teñen especial relevancia á hora de contribuir a unha educación integral dos estudantes. Un deses espazos é o comedor escolar, de especial importancia no CEIP Virxe de Covadonga, pois, aparte de dar de comer aos nenos e nenas e conciliar a vida familiar, aporta unha grande cantidade de vantaxes.

Ao inicio do curso, o equipo directivo fai un traballo de concienciación ao alumnado sobre a importancia do comedor, e hai un proceso de interiorización de normas básicas que hai que cumprir, tarefa á que axudan en grande medida os diferentes titores/as. No comedor están atendidos por unha persoa encargada de comedor e seis pais e nais colaboradores que sirven a comida, e fan labores de vixiancia nos tempos de antes e despois de comer. Este colexio de educación infantil e primaria é un centro privilexiado, pois ten un comedor propio que autoxestionan.

Isto fai que a atención ao alumnado sexa moito mellor, sendo máis personalizada se nalgún momento xorden imprevistos de saúde que conleven unha muda na dieta dese día. No menú escolar buscan acadar a mellor calidade tanto no produto coma na elaboración. Nisto, na parte do traballo de xestión de comedor, é unha grande axuda contar con moi boas profesionais, tanto a cociñeira coma a axudante de cociña, que aportan a súa experiencia, sendo ésta indispensable na elección dos produtos, ademáis de conseguir que esa calidade se manteña, e se mellore, á hora de elaborar os diferentes pratos.

Organízanse os menús tendo como premisa acadar unha dieta equilibrada para todos os nenos e nenas, conxugando isto cunha elaboración que sexa do gusto dos estudantes. Pouco a pouco, téntanse meter ingredientes novos, sobre todo verduras, cociñadas de diferentes formas para que lle sexan máis atractivas, e así ampliar o número de alimentos. O comedor escolar do Ceip Virxe de Covadonga conta cunhas instalacións novas e moi ben coidadas, así coma cun espazo axeitado para todos os comensais. Están decorando a través da realización de diversas obras de arte que en pouco tempo colgarán das paredes para o disfrute de todas as peroas que traballan e comen no comedor.

Tamén sinalar que nas festividades e conmemoracións do colexio o comedor tamén está moi presente ao longo de todo o curso escolar, como no Magosto, no Entroido, ou nas comidas de Nadal e de final de curso; datas nas que se elaboran menús moi especiais e do gusto de todos os nenos e nenas. En definitiva, é necesario resaltar a importancia deste espazo do centro como un dos motores que impulsa a educación integral do neno e que axuda tamén a dinamizar a vida do colexio.

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar