XORNAL ESCOLAR

Compromiso coa educación

A Deputación provincial de Ourense leva a cabo durante todo o ano unha ampla variedade de programas dirixidos aos escolares 

Coñece Ourense ofrece aos escolares da ESO excursións por cinco rutas culturais: O Carballiño-Ribadavia, Verín, Bande, Ribeira Sacra Ourensá e O Bolo-Manzaneda.
Coñece Ourense ofrece aos escolares da ESO excursións por cinco rutas culturais: O Carballiño-Ribadavia, Verín, Bande, Ribeira Sacra Ourensá e O Bolo-Manzaneda.
Compromiso coa educación

Rematamos o ano cunha reportaxe sobre os programas educativos que, ano tras ano, leva a cabo a Deputación Provincial de Ourense para favorecer o apoio educativo, social, cultural e de lecer dos escolares. Centrarémonos en catro programas de recoñecido prestixio entre os centros educativos da provincia de Ourense: Semana Escolar, Coñece Ourense, EsquiOU e Pazolandia.

Semana escolar

A última semana do mes de novembro levouse a cabo a V Semana Escolar da Deputación e a túa provincia, unha iniciativa que ten como obxectivo seguir achegando un maior coñecemento da provincia ao ámbito educativo, poñendo en valor a identidade e os aspectos máis relevantes do territorio ourensán. Este programa se inicia coa tradicional xornada de portas abertas no Pazo Provincial, participaron máis de 8.700 alumnos/as e profesores/as de 66 centros educativos da provincia de Ourense. A temática centrouse no entroido para pór en valor esta importante riqueza etnográfica de concellos e comarcas da nosa provincia.

Coñece Ourense

Este programa ofrece aos escolares de Educación Secundaria Obrigatoria excursións por cinco rutas culturais (O Carballiño-Ribadavia, Verín, Bande, Ribeira Sacra Ourensá e O Bolo-Manzaneda) para realizar unha espectacular viaxe pola historia e a cultura de Ourense. Estes escolares poden afondar no coñecemento do patrimonio arquitectónico, artístico, histórico e natural da provincia de Ourense. O programa escolar permite aos estudantes coñecer elementos do Neolítico, ver pegadas castrexas e civilizacións medievais, valorar a importancia dos nosos mosteiros das augas mineiro-medicinais...

EsquiOU

Dende o mes de xaneiro a marzo lévase a cabo este programa educativo e deportivo na estación de montaña de Cabeza de Manzaneda. Este ano ofértanse 735 prazas para nenos e nenas de 9 a 12 anos das sete zonas xeográficas da provincia, ofrece un completo programa que inclúe aloxamento, pensión alimenticia, curso de esqui e outras actividades complementarias. A duración é de dúas noites e tres días e o custe é de 29 euros. Os interesados en participar poden inscribirse ata o 15 de xaneiro de 2018 a través do correo electrónico esquiou@depourense.es

Pazolandia

O maior parque estacional de Galicia, abre un ano máis as súas portas no Pazo dos Deportes Paco Paz. Dende o 26 de decembro ata o 4 de xaneiro todos os nenos e nenas contan con máis de cen actividades diferentes: atraccións clásicas de feira, obradoiros de cociña, animación, ludotecas, multiespazo de videoxogos, obradoiros de realidade virtual, inchables, photo call... repartidos ao longo de 8.000 metros cadrados, nos diferentes espazos do pavillón dos deportes e nos exteriores da instalación. Contan cada día con dúas sesión: de 11:00 ás 14:00 horas, e de 17:00 ás 20:00 horas. As entradas están dispoñibles nas taquillas do recinto ou na web www.pazolandia.es

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, resume así o seu compromiso coa educación: "Sempre realizamos diferentes actuacións no ámbito educativo para potenciar o apoio social, cultural e de lecer dos máis novos ".