XORNAL ESCOLAR

Esquiou, fantástica aventura na neve

Cabeza de Manzaneda. 30/01/18. Actividade da Deputación de Ourense Esquiou para rapaces da provincia na estación de Manzaneda.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Esquiou para rapaces da provincia na estación de Manzaneda.

A Deputación provincial de Ourense é a promotora do programa de actividades pensado para nenos e nenas de toda a provincia de Ourense, onde conta coa colaboración de Oca Nova Manzaneda

Coa finalidade de achegar o esquí aos nenos e nenas da provincia de Ourense, naceu Esquiou, un ambicioso proxecto da Deputación provincial de Ourense. Trátase dun completo programa de actividades que se leva a cabo nas instalacións da Estación de Montaña de Manzaneda e que inlúe aloxamento, pensión alimenticia, curso de esquí e outras actividades complementarias que converten a esta proposta nunha experiencia única para os máis cativos da casa.

En torno a un millar de escolares de toda a provincia, repartidos en sete quendas, están a participar en Esquiou. A iniciativa prolóngase durante tres días e dúas noites, tempo suficiente para que os nenos e nenas teñan un primeiro contacto coa modalidade deportiva do esquí, compartan divertidas actividades de ocio e convivan con outros nenos de varios puntos da súa comarca, xa que as quendas establecidas para participar na actividade realízanse por proximidade xeográfica. 

Profesionais de ampla experiencia nas diferentes modalidades de esquí son os encargados de proporcionar as clases aos nenos que se divirten ao tempo que aprenden a manexarse na neve. 

O programa Xornal Escolar de Telemiño foi recentemente testemuño dunha xornada de Esquiou. Nesta ocasión foron os nenos e nenas de Allariz, Maceda e A Limia os que estaban a gozar desta fantástica actividade na Estación de Montaña de Manzaneda.

Ademais das clases de esquí, onde todos aseguraron aprender moito e pasalo xenial, Conchi Pérez e o seu equipo, acompañaron aos escolares no momento da comida e foron os propios nenos os encargados de compartir co programa educativo de Telemiño a gran cantidade de actividades nas que estaban a participar. Así, salientaron as propostas de multiaventura, tiro con arco, pelota canadiense ou patinaxe e linguaxe de signos. Tampouco faltou unha mención especial ás actividades levadas a cabo na piscina, no pavillón e na disco, onde moitos chegan esgotados tras un intenso día de divertimento, pero tamén moitos outras bailan e se divirten antes de ir á cama para descansar e repoñer forzas para o seguinte día de actividades.

Esquiou gaña adeptos cada edición xa que se trata dun completísimo programa que combina momentos de ocio con aprendizaxe e convivencia nun entorno único e fascinante da provincia de Ourense. 

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar