XORNAL ESCOLAR

Estimulación sensorial

No centro de Educación Especial Miño se adaptan a cada caso particular atendendo todas as necesidades do alumnado

O CEE Miño é un centro público, con internado, situado en Velle. Como Centro de Educación Especial escolariza ao alumnado con necesidades educativas especiais, seguindo os principios de normalización e inclusión. Conta con máis de trinta anos de andadura e evoluciona ao ritmo do alumnado que recibe en cada momento, pois o seu cometido é adaptar o centro para dar unha resposta educativa de calidade que posibilite ao alumnado acadar o máximo desenvolvemento persoal, intelectual, social e emocional.

O equipo de traballadores é peculiar pois non todos os centros educativos contan con médica, enfermeira, fisioterapeutas, educadores, adxunta de taller, etcétera, ademais do profesorado e auxiliares coidadores.

Ofertan numerosos programas que se suman aos relacionados co servizo sanitario (atención médica e fisioterapia) como os que se desenvolven no aula de estimulación multisensorial, a biblioteca con contos adaptados, e os sistemas alternativos e aumentativos de comunicación. Polas tardes tamén se desenvolven cinco talleres en grupos flexibles nos que adaptan as aprendizaxes a diversidade de capacidades do alumnado.

No horario lectivo dispoñen de 10 grupos de alumnos/aula nas que se desenvolven as competencias chave, recollidos nas concrecións curriculares do centro para as diferentes etapas educativas que teñen (Infantil, Primaria, Transición á vida adulta e Programa formativo básico), sendo o principal obxectivo o desenvolvemento máximo de cada alumno e alumna en referencia a esas competencias.

Na aula de estimulación multisensorial traballase sobre todo a relaxación e a estimulación a través de todos os sentidos, contan con tubo de burbullas e colores, facho de luz, colchón de auga con son, proxector de imaxe  e un espazo amplo con diferentes recunchos nos que se estimula cada un deles.

A Aula de Música adáptase ao alumnado e este ano realizan unha parede sonora. Na de Educación Física, ademais do ximnasio, conta cun espazo de xogo para o desenvolvemento do movemento e concienciación corporal. Nas aulas ordinarias de Pedagoxía Terapeútica, o alumnado á vez que desenvolve a actividade escolar realiza a súa rehabilitación física. Nas aulas de Audición e Linguaxe teñen como obxectivo o desenvolvemento da comunicación do alumnado, tendo en conta que soamente un 1% utiliza a linguaxe oral para expresar as súas necesidades fundamentais, a actividade nestas aulas é moi variada pode ir dende a estimulación da musculatura orofacial ou a deglución ata actividades de mellora da expresión escrita, dependendo sempre do que o alumnado necesite para o seu desenvolvemento nese momento.

Despois do horario escolar contan cun servizo de residencia para aqueles alumnos que non viven dentro do concello de Ourense, que utilizan 13 alumnos e alumnas. As familias son unha parte moi importante para o desenvolvemento dos programas educativos, a comunicación e colaboración entre o centro e as familias é moi fluída en xeral, contan cos cadernos viaxeiros, correo electrónico, WhatsApps e, como non, co teléfono. Teñen unha ANPA que colabora estreitamente co centro tanto na súa vertente sanitaria (cun programa de saúde bucodental) como na educativa.

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar