COLE A COLE

Experiencias en vivo e en directo

Escolares de seis centros educativos da cidade compartiron cos convidados as súas impresións sobre uns libros que leron previamente

Experiencias en vivo e en directo

Escolares dos centros educativos de O Couto, Portovello, Cardenal Cisneros, As Lagoas, Blanco Amor e 12 de Octubre, en total 320 alumnos e alumnas, compartiron a actividade de animación á lectura Bibliotecas Vivintes. Previamente, os escolares leron tres libros que escolleron entre oito seleccionados. Xa no Auditorio Municipal de Ourense, onde se desenvolveu a actividade, diversos convidados se encargaron de compartir as historias dos libros con mozos e mozas e todos xuntos intercambiaron impresións. Así, participaron Rafa Salgado, de Ourense no Tempo, co libro "Sabías que?"; a contadora de historias Raquel Queizás, con "Con dous cornos na testa"; Kalee, unha moza californiana que vive en Galicia e que fala galego, con "Californication"; Jainer Barros, con "Alegría e irmandade é..."; Xosé Lois O Carrabouxo, con "A mosca do carballo"; Susué, youtuber galega, con "Olá chavaladas"; Noe Piñeira, tabernera cultural en Vilar de Santos, con "A arca da Noe"; e Cristina de Sonoro Maxín, con "Ela abriume as portas do ceo".

A actividade, lonxe de ser un soliloquio foi, gracias ao bo facer dos convidados e ao entusiasmo dos escolares, unha actividade amena e do máis interactiva. O éxito desta iniciativa augura que terá continuidade no futuro xa que alumnos e convidados se amosaron encantados con esta actividade en grupo.