XORNAL ESCOLAR

Fluír creativo nas aulas do CEIP O Couto

OURENSE (CEIP O COUTO). 23/02/2018. OURENSE. Grabación del programa de Telemiño "Xornal Escolar" con los alumnos y alumnas del CEIP O Couto. FOTO: ÓSCAR PINAL.
photo_camera Os escolares do CEIP O Couto.

Os escolares de 4º de primaria están inmersos nun interesante proxecto de teatro de sombras, cuxo obxectivo final é traballar as emocións dun xeito dinámico e ameno

O teatro de sombras é un recurso máxico para contar historias, inventalas ou adaptalas. Poñelo en práctica precisa un importante exercicio de lectura, selección, ás veces unha nova elaboración de textos, esforzos de dicción, de secuencias e orde, ademais dun minucioso traballo coas mans. Así, podemos definir o proxecto no que están inmersos os nenos e nenas de 4º de Primaria do CEIP O Couto.

Ademais de tratarse dunha actividade máis nas que se traballan aspectos educativos tan importante como a lectura, a dicción ou a expresión, o obxectivo principal do alumnado de Mar Nóvoa é traballar as emocións.

Ao inicio da actividade, os escolares observaron unha serie de vídeos onde se lles explicaba de que trata esta modalidade artística, os principais aspectos técnicos para realizala correctamente e o motivo polo que este curso ían traballar neste, canto menos curioso, proxecto. 
Coa actividade teatro sombras os escolares deixan voar a súa imaxinación por medio da narración de historias. A actividade convida ao xogo, á experimentación, a estar traballando cos sentidos, esto é, o que chegan a ver, o que isto produce, o que sinten, en definitiva, o fluír creativo. 

O teatro de sombras tamén facilita o traballo plástico, corporal, verbal e xestual, expresando necesidades a través destas linguaxes. O aspecto terapéutico desta actividade tamén é salientable desde o momento que serve para expresar as emocións a través dos personaxes. O neno ou nena traballa en grupo, síntese valorado, responsable e importante, xa que o papel de cada un dos alumnos é único e especial. En definitiva, esta modalidade artística abre as emocións, convida a ser persoas enxeñosas e amosa outras formas de contar as cousas. 

Esta actividade que se prolonga durante todo o curso é moi ben acollida polo alumnado, que se sinte feliz ao levala a cabo. A profesora que leva a cabo este proxecto non pode estar máis orgullosa dos seus alumnos e destaca a implicación de cada un deles neste proxecto que fixeron seu desde o primeiro minuto, enchendo o tempo que pasan na aula, de momentos únicos de aprendizaxe dun xeito ameno.


Coidado


Os escolares de 4º de Primaria, dentro do que é esta actividade, elaboraron o que coñecen como o seu “teatrillo” no que presentaron a obra de sombras. Comezaron pintando unha caixa de cartón. Posteriormente fixeronlle un buraco e pegaron unha saba branca. Decoraron o seu traballo por fóra con pintura fluorescente.  Tamén elaboraron monicreques en cartolina negra e experimentaron libremente coa sombra (movementos, distancias, tamaños).  Na hora de lingua, crearon a historia que posteriormente contarían na obra e repartiron os papeis das diferentes escenas. O seguinte paso foi escoller a música para cada parte da obra, xogando a adiviñar a canción correspondente a cada parte. Con todo organizado, comezaban os ensaios, cando todos os participantes xa coñecían á perfección o seu papel.


Aprendizaxe a través das emocións


Partir das emocións para chegar a todo o demais. Este é o obxectivo do proxecto capitaneado por Mar Nóvoa Souto, titora de 4º A de Primaria do CEIP O Couto. Na aula, a mestra adica un ratiño ao que ela denomina as asambleas. Os nenos e nenas póñense cómodos para conversar, decidir o que teñen que facer, opinar e falar do que lles gusta máis e menos. É un tempo para compartir o que lles preocupa, sinalar aquelo que lles apetece facer, é o seu momento de expresión que serve para sentirse escoitados, valorados e a mestra toma boa nota de todo o que se fala nas asambleas.

Os escolares exprésanse libremente e isto é moi beneficioso. O teatro de sombras permítelles interactuar e convertir cada momento nunha aprendizaxe amena.
Mar Nóvoa asegura que os resultados a esta altura do curso xa son palpables, “os alumnos están moi motivados e as melloras académicas son xa unha realidade”. Nas asambleas os escolares poden e deben opinar e todos se coñecen á perfección, saben cando un neno ten un mal día ou outro está ledo por algo en concreto. É importante que todos e todas perdan o medo a expresarse en público e no CEIP O Couto traballan neste fundamental aspecto, que a bo seguro lles axudará agora e nun futuro.

Defínense como unha gran familia e a aula de 4º de Primaria xa se está a converter nunha prolongación da súas casas. 

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar
xornalescolar_0304_nuria_01
De que se fala

Solo lo que suma

xornalescolar_0304_otitis_01
Escola de Familias

¿Qué es la otitis?