COLE A COLE

Fomento da comunicación oral

Escolares de 6º de primaria participan na actividade Dobraxe na Escola, incluída dentro do programa de Animación á Lectura da Concellería de Educación do Concello de Ourense

Un intre da actividade de Dobraxe na Escola.
Un intre da actividade de Dobraxe na Escola.
Fomento da comunicación oral

O programa de Animación á Lectura da Concellería de Educación do Concello de Ourense inclúe unha actividade denominada Dobraxe na Escola. Nesta proposta educativa participarán este curso un total de 317 nenos e nenas de 6º de Educación Primaria, procedentes de sete centros de ensino da cidade de As Burgas. O obxectivo principal de Dobraxe na Escola é animar aos mozos e mozas a aprender técnicas de dobraxe profesional. Tamén é unha actividade óptima para fomentar a comunicación oral na nosa lingua, fomentar a escritura no formato dos guións e traballar a concentración, empatía e traballo en equipo. A actividade realízase en grupos dun máximo de 30 alumnos e alumnas de 6º de Primaria. 

Os encargados de impartir esta actividade son Suso Pando e Manuel Pombal, de Emec Produccións, que traballan durante a actividade aspectos básicos da comunicación oral, como a cadencia, a fonética, o ritmo, a intención... e outros aspectos tan importantes como a concentración, a empatía e o traballo en equipo.

A técnica da dobraxe en xeral, e concretamente nas películas de animación, é unha ferramenta máxica e novidosa, que ademais é capaz de captar a atención dos nenos e nenas sobre aspectos básicos na comunicación oral. Deste xeito, durante o obradoiro, os escolares traballan a concentración, a empatía e o traballo en equipo, ao tempo que os monitores da actividade os motivan a que se divirtan na lingua galega.


Fases


O obradoiro Dobraxe na Escola inclúe varias fases. Na primeira os monitores fan un xogo dramático no que contan todos os pasos da creación dunha película, desde a elaboración do guión ata a dobraxe da mesma. Acto seguido, ensaian entre todos un fragmento da película, aprendendo a encaixar as propias voces nas bocas dos personaxes. Unha vez escollidos os dobradores, len o guión, ensaian, axusta e silencio, estamos gravando! Despois de gravar, toca escoitar o resultado. 

A actividade está a ser un éxito entre todos os participantes que coinciden en sinalar o moito que aprenden do mundo da dobraxe ao tempo que se divirten na aula.