XORNAL ESCOLAR

Inmersos nun cambio educativo

27.04.15.OURENSE.COLEXIO VILINGUE LUIS VIVES.
photo_camera Foto de familia del colexio plurilingüe Luis Vives.

O colexio Plurilingüe Luis Vives de Ourense forma a persoas comprometidas consigo mesmas e coa sociedade

Como unha Cooperativa de Ensino, Privada-Concertada, laica, plurilingüe e mixta, así se define o CPR Luis Vives, un centro de ensino referente en Ourense que busca formar persoas comprometidas consigo mesmas e coa sociedade. Na actualidade, o Luis Vives está inmerso en cambios, tanto de imaxe, como é no caso da biblioteca, como a nivel educativo.

É ano de cambios. Que melloras estades a facer na biblioteca?

É unha iniciativa que estamos a levar a cabo durante todo o curso. Fixemos un concurso dende Infantil a Secundaria, co fin de crear a mascota e o logo que identifica este espacio do centro.

Deste xeito este ano celebrástedes o Día do Libro por todo o alto.

Sí. A nova biblioteca inagurouse na semana do Día do Libro. O alumnado participou en distintas actividades centradas nesta ocasión na temática de "Na busca do libro perdido". Detrás de cada unha das actividades propostas, agochábanse as competencias que os nenos van adquirindo durante todo o proceso. Este é o obxectivo que propoñemos: traballar desde un enfoque interdisciplinar e colaborativo.

Este tipo de propostas resultan do máis froitíferas para a formación dos escolares, en qué o notades principalmente?

Queremos transmitirlle aos rapaces o gusto por aprender e crear neles a ilusión de traballar. Deste xeito adquiren habilidades para buscar, obter e procesar a información e melloran a súa competencia en comunicación lingüística.

Falades de fundamentar a educación do século XXI en catro eixos, cales son e que vos leva a pensar deste xeito?

Somos dos que cren que a escola existe para facilitarlle ás persoas as ferramentas necesarias para a correcta toma de decisións. E para iso, necesitamos cambiala. Estes eixos fundamentais son "Aprender a aprender", para aproveitar todas as posibilidades que a educación nos ofrece, non só nas escolas, senón ó longo de toda a vida. "Aprender a ser", a obrar con autonomía e responsabilidade persoal. "Aprender a convivir", a xestionar conflitos, a traballar en proxectos comúns. Por último "Aprender a facer", a afrontar e resolver con éxito moitas e diversas situacións.

Para este cambio educativo cremos necesario a integración das tics nos centros docentes e o traballo a partir das intelixencias múltiples de Gardner. As escolas deben ser por tanto un lugar onde se ven a facer, a cuestionar, a crear, a construír, a pensar. Unha Escola Taller, na que a aprendizaxe se constrúe compartindo, participando e colaborando activamente.

Un exemplo desta participación do alumnado é a actividade "Un artista na escola", en que consiste?

É certo. O proxecto “Historias da historia", que grazas a EducaBarrié da Fundación Barrié e a súa actividade “Un artista na escola” estamos a levar a cabo este mes. Estamos a crear, coa axuda do “artesán” do cine Simón Vázquez, un taller de stop-motion, unha técnica de animación que consiste en aparentar o movemento de obxectos estáticos por medio dunha serie de imaxes fixas sucesivas. Intentamos contar en pequenos vídeos realizados polos alumnado con esta técnica, os principais feitos históricos da boca dos seus propios protagonistas. É un traballo colaborativo, en grupo.
Resaltar, por último, que para traballar en colaboración é necesario compartir experiencias e coñecementos e ter unha clara meta grupal, na que a retroalimentación é esencial para o éxito final. Non se trata só de aprender “sobre” algo, senón que tamén se trata de “facer” algo.

DESTACADOS

Ánxela Seoane Rodríguez, alumna de Primaria

Foi a creadora de Luvi. Inspirouse, para facer a mascota, nas cores que identifican ao colexio. Esto é o amarelo, o azul e o verde.

Iria García Martínez, 4º da ESO

O logo que debuxou esta alumna de Secundaria representará a biblioteca do centro.

Pablo García Rodríguez, 2º de ESO

Colaborou coas etapas de Infantil e Primaria para vestirse de Luvi. Quedou moi satisfeito de representar este papel.

Gabriela Cortés García, Educación Infantil

Foi moi divertido buscar as pistas coa lupa e atopar o conto que nos deixou Luvi.

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar