XORNAL ESCOLAR

Labdoo, rede humanitaria

20171123231821663_result
photo_camera Una imagen del CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel.

CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel é o único centro de Galicia que participa neste proxecto que recolle, repara e recicla ordenadores para entregalos a escolas con pocos recursos

Labdoo é unha rede humanitaria global que recolle, repara e recicla ordenadores portátiles en desuso para entregalos a escolas con poucos recursos, normalmente en países en vías de desenvolvemento convertíndoos en ferramentas poderosas de apoio á educación. Ademais, o transporte dos equipos faise de xeito sostíbel. Labdoo e o seu enfoque de axudar a levar educación arredor do mundo foi recoñecido pola UNESCO como unha “contribución valiosa e sostíbel para o desenvolvemento da aprendizaxe e a educación a países estranxeiros”.  A rede está integrada por puntos de recepción (hubs) que son centros encargados da súa recollida, posta en funcionamento e envío á escola destinataria. Até o de agora Labdoo xa enviou portátiles a máis de 1000 escolas de 120 países sendo máis de 280.000 os estudantes beneficiados polo proxecto a nivel mundial. 

En canto chegou ao centro información sobre este proxecto, 14 profesores decidiron sumarse ao mesmo, e dende outubro de 2017 o CIFP A Carballeira – Marcos Valcárcel é un dos 227 puntos de recepción de Labdoo, sendo o único de toda Galicia.

Estudantes e docentes do departamento de Informática participan neste innovador proxecto. Os alumnos/as acolleron moi ben este idea ao saber que o seu traballo vai a ter unha finalidade solidaria e a súa aportación é fundamental. É importante destacar que calquera persoa que queira  pode doar a Labdoo un portátil que non utilice e entregalo na conserxaría do centro. Na páxina web de Labdoo pode ser consultada calquera información adicional desta rede humanitaria global: www.labdoo.org

20171123231820866_resultO obxectivo principal é contribuír a que persoas de rexións necesitadas dispoñan nas súas escolas de ordenadores con programas informáticos que lles axuden a mellorar a súa educación. Tamén se pretende axudar a diminuír o lixo electrónico e os alumnos voluntarios complementarán as súas prácticas neste taller e potenciaranse na aula aspectos tan importantes como a solidariedade, a reutilización e o consumo responsábel.
CIFP A Carballeira – Marcos Valcárcel está levando a cabo unha campaña divulgativa do proxecto dentro da comunidade educativa, cidade e provincia para tentar recoller o maior número posíbel de ordenadores portátiles. Cada portátil etiquetarase de xeito individual e asignaráselle a un grupo de estudantes para que na asignatura correspondente, e coa supervisión do profesor/a, se encarguen da posta a punto. Durante o recreo, os alumnos/as de informática que participen en Labdoo, farán prácticas de reparación e instalación cos portátiles para contribuír á divulgación do proxecto.

Labdoo A Carballeira está dando os seus primeiros pasos e xa se recolleron portátiles doados por docentes e por distintos departamentos do centro. Ademais, esta iniciativa global, que funciona como unha rede na que os diferentes puntos de recepción están interconectados, fixo posíbel que distintas doazóns foran redirixidas a este centro desde puntos de recepción máis afastados. Juan José Lorenzo Mayo (docente colaborador deste proxecto) afirma: “a valoración inicial é moi positiva e estamos plenamente convencidos de que terá continuidade ao longo de moito tempo”.

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar