AULAS ABERTAS

Mensaxes de paz, na pomba do Mestre Vide

OURENSE 30/1/2018, Mestre Vide, grabacion programa telemiño dia de la paz, 6ºB,  foto Gonzalo Belay
photo_camera Nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria do colexio Mestre Vide posan diante da fermosa pomba que colocaron na entrada do colexio.

Escolares e profesores do colexio de Infantil e Primaria participaron en distintas actividades neste día de celebración. Así, leron un manifesto no patio do colexio, presentaron un baile e decoraron o mural con bos desexos

Son moitas as datas sinaladas no calendario escolar nas que se fuxe da rutina das aulas e se realizan actividades, que aínda que seguen a ser educativas, teñen un certo carácter lúdico.

Así, hai uns días, os alumnos e alumnas do colexio Mestre Vide de Ourense celebraron por todo o alto o Día Escolar da Non Violencia e da Paz. Foi unha actividade sensacional, na que participaron todos os escolares do centro. 

A primeira actividade foi a inauguración da biblioteca Mestre Vide, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; e Xefa Territorial da Consellería de Educación e Cultura, Mari Luz Fernández Quintas. Escolares de 5º e 6º de Primaria presentaron un baile na entrada do centro.

Durante este encontro, colocaron mensaxes de paz sobre unhas plumas de papel que foron incorporando ao mural que estaba ubicado na entrada do centro e que tiña forma de pomba. A este bonito xesto tamén se sumaron Manuel Baltar e Mari Luz Fernández que deixaron tamén a súa mensaxe.

O día seguinte á visita e o propio día da conmemoración, todo o alumnado do centro e profesores participaron nunha serie de actividades relacionadas coa paz.

Así, non faltou a lectura dun manifesto no patio do colexio. Tamén completaron o mural da pomba ata lograr un traballo artístico de gran beleza. Para despedir esta celebración, nenos e nenas repetiron o baile do día anterior, pero nesta ocasión participaron todos os escolares. A festa foi un éxito e o patio do CEIP Mestre Vide luciu máis fermoso que nunca.

Inmersos no Entroido

No CEIP Mestre Vide participan en todas as datas sinaladas do calendario organizando algunha actividade especial e axeitando cada celebración á idade dos nenos e nenas. Estes días xa están completamente inmersos na celebración do Entroido.

Primeiro participaron na Praza Maior de Ourense no Xoves de Comadres e, estes días, xa está todo perfilado para a gran festa do Entroido no colexio este venres.

Os nenos e nenas acudirán disfrazados e os máis cativos realizaron diversas manualidades e elaboraron os seus propios disfraces que hoxe son unha sorpresa pero a vindeira semana xa poderemos ver nas páxinas do Xornal Escolar.

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar