COLE A COLE

Cinco niveis, unha única aula

DSC_1916_result

Compartir a vida escolar no CRA de Monterrei impulsa a madurez e a autonomía, fomenta a cooperación, facilita a convivencia e permite unhas aprendizaxes máis significativas.

O C.R.A. Monterrei está formado por catro escolas situadas nas aldeas de Feces de Abaixo, Pazos, Vences e Vilaza pertencentes aos concellos de Verin e Monterrei. En cada escola hai una única aula e son moitos os interrogantes que xorden: traballará cada neno os contidos adaptados á súa idade? Madurarán e aprenderán tanto como os das vilas? Como un mestre pode ensinar a nenos de idades tan diferentes ao mesmo tempo? A educación nestas escolas proporciona unha situación moi enriquecedora tanto para os mestres como para o seu alumnado, nelas a súa estrutura é similar á da vida familiar onde irmáns maiores e pequenos comparten, aprenden, conviven e se respectan. No inicio da escolarización os nenos de tres anos ven aos compañeiros maiores que lles aportan seguridade, ensinan rutinas, liberándoos de moita ansiedade e facilitando a súa adaptación.

Ensinar nestas circunstancias obriga a aplicar e empregar metodoloxías innovadoras e diferentes formas de agrupamentos. No horario traballan contidos específicos de cada nivel co titor ou mestre especialista correspondente, dividindo o grupo coa chegada deste á aula. Os mestres de Inglés, Música, Apoio, Educación Física, Relixión e Audición e Linguaxe itineran polas catro escolas, sendo un importante elemento comunicador do centro.

Hai outros momentos, onde todos  comparten experiencias e actividades nas que cada un aporta e extrae aprendizaxes conforme á súa idade e madurez. Non hai mellor motivación para comezar a ler que observar aos maiores como descobren o que din os contos; a escena máis bonita que se pode observar nas súas bibliotecas é ver a un pequeno escoitar atentamente mentres o seu amigo lle le un conto. Cando cociñan, os máis cativos quédanse coa mera experimentación da actividade, mentres os compañeiros aplican contidos matemáticos, aprenden a hixiene e a orixe dos alimentos, coñecen diferentes formas de conservación e preparación, interpretan e escriben receitas de cociña, etc...

Tamen cultivan nos hortos e xardíns onde gozan da natureza, do contacto coa terra e coa auga e os maiores ademais vivencian e adquiren moitos dos contidos das Ciencias Naturais (partes dunha planta, necesidades e coidados, utilidades...).

Na semana da ciencia, os estudantes de Educación Infantil ademais de divertirse coa maxia do momento aprenden xunto cos compañeiros de Educación Primaria, formulan hipóteses, toman contacto con novos materiais, amplían o seu vocabulario e aprenden como reaccionan diversos materiais.

En definitiva, todos os momentos que se viven nestas catro escolas, a pesar da mestura de idades, orixinan unha aprendizaxe individualizada e graduada en función da idade e experiencias previas de cada un dos nenos. 
Esta é a riqueza de ensinar e aprender nun colexio rural e agrupado.

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar
xornalescolar_0304_otitis_01
Escola de Familias

¿Qué es la otitis?

xornalescolar_0304_nuria_01
De que se fala

Solo lo que suma