XORNAL ESCOLAR

O horto na escola

Coidado das árbores do patio do colexio_result
photo_camera Os estudantes do colexio Carmen García Carrasco de Cenlle levan a cabo actividades entorno ao proxecto do horto escolar.

Os estudantes do CEIP Carmen García Carrasco de Cenlle poñen en valor os coñecementos dos avós e avoas

Non só se aprende dentro da aula, cando o horto entra na escola supón unha fantástica revolución da aprendizaxe. É un lugar seguro no que os nenos e nenas poden experimentar directamente coa vida e coa natureza, o éxito está asegurado. Toda a comunidade educativa do CEIP Carmen García Carrasco de Cenlle participa no proxecto O Horto Escolar. 

O horto escolar como proxecto é unha ferramenta excelente, é un recurso educativo moi útil para os centros escolares porque posibilitan experiencias co seu entorno natural e rural creando hábitos de coidado e responsabilidade co medio ambiente, favorece unha alimentación equilibrada e sa así como un consumo responsable, aprenden ciencias naturais e sociais, é un recurso pedagóxico que engloba diversos contidos de distintas materias e fomenta actitudes de cooperación a través das actividades que implican traballo en equipo e turnos.

Este fabuloso horto do colexio de Cenlle é un medio de conexión entre a escola e o seu entorno e, ademais, o feito de cultivar os seus propios alimentos favorece a súa ilusión e, a súa vez, estimula a súa aprendizaxe.

Destacamos os oito obxectivos que se marcaron con este proxecto: 

1. Sensibilizar ante a necesidade de coidar o medio ambiente.
2. Facer un uso responsable dos recursos naturais.
3. Coñecer como crecen as plantas, como se obteñen os alimentos e comprender como funcionan os ecosistemas.
4. Poñer en valor os coñecementos dos avós e avoas.
5. Apreciar a cultura e a gastronomía locais.
6. Promover unha alimentación saudable.
7. Fomentar o traballo en equipo.
8. Conectar a escola co seu entorno. 

Arredor deste proxecto levan a cabo unha ampla variedade de actividades. Nos primeiros meses de curso, no que o horto escolar comeza a poñerse en marcha, as actividades que realizan son:

Buscan información sobre que cultivos se poden plantar e en que época do ano, se son resistentes ou non ao frío/calor... en distintos recursos e soportes (libros, web...). Realizan e plantan semilleiros en diferentes recipientes tales como botellas, vasos... incluíndo a obtención da terra e o coidado dos mesmos. Confeccionan carteis co nome de cada un dos produtos plantados en distintas linguas.

Unha vez que o horto estea listo, pasarán á segunda fase do proxecto na que se levarán a cabo actividades como: Plantación no horto e transplante dos diferentes semilleiros feitos con anterioridade. Mantemento e abono do horto e regado dos produtos. Por último, cara finais de curso e segundo se vaian obtendo as colleitas a idea é repartir os produtos obtidos entre o alumnado e as familias, tamén valorarán conxuntamente o proxecto.  

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar