COLE A COLE

Pensando coas nubes

O CEIP Manuel Sueiro desenvolve un proxecto de meteoroloxía co que participa no programa de “Meteoescolas” do Plan Proxecta

Pensando coas nubes

O CEIP Manuel Sueiro, por cuarto ano consecutivo, desenvolve un proxecto de meteoroloxía co que participa no programa de “Meteoescolas” do Plan Proxecta.

O proxecto está estreitamente relacionado con outros que se realizan no centro, fundamentalmente co que se desenvolve desde a biblioteca e que este ano versará sobre “Aprender a pensar coa biblioteca escolar”. O alumnado encargado de desenvolvelo é o de 3º e 4º de Educación Primaria e conta coa colaboración do alumnado que asiste a apoio. Fundamentalmente, o traballo realizado, consiste na recollida diaria de datos de temperatura e pluviosidade na estación meteorolóxica do centro, sendo esta unha maneira diferente de estudar, tanto na área de ciencias da natureza como de matemáticas. Ditos datos, son actualizados diariamente no blog de meteoroloxía. Este traballo, de recollida de datos, serve para fomentar a cohesión do alumnado, ao ser realizado en pequenos grupos que alternan as diferentes tarefas. Asemade, intentan que o proxecto abarque a todas as áreas do currículo, incluída a “Hora de ler”: prensa diaria coas noticias sobre inundacións, ventos que fan estragos, e a previsión para o día seguinte.

Os obxectivos principais deste fabuloso programa son: Diferenciar entre clima e tempo; Manexar instrumentos de medida (termómetro, pluviómetro); Rexistrar diariamente os datos meteorolóxicos da estación; Elaborar e interpretar diferentes gráficos e climogramas; Manter diariamente a web de meteoroloxía; Valorar a influencia do tempo na vida cotiá; Aprender os distintos meteoros en inglés. 

Coa posta en marcha do proxecto o alumnado mostra moito interese pola realización deste traballo, levan un rexistro metódico e altamente científico, da recollida de datos meteorolóxicos e posterior análise dos mesmos, melloran no emprego das TICs no desenvolvemento curricular dos contidos relacionados coa meteoroloxía e nas súas destrezas no referente á expresión oral, aprenden novo vocabulario ao mesmo tempo que desenvolven, de xeito interdisciplinar, competencias en investigación medio ambientais.

Este proxecto comeza no mes de outubro. Un dos aspectos a destacar é o rexistro diario dos datos meteorolóxicos do lugar onde se atopa o noso centro e a súa posterior exposición pública a través do blog de meteoroloxía que crearon exclusivamente para reflectir as actividades realizadas neste proxecto. Asemade, o rexistro diario destes datos vai acompañado dunha fotografía dalgún recanto de Ourense onde se aprecie o estado do ceo e algún elemento arquitectónico ou paisaxístico da contorna.

O blog funciona como unha fiestra que permite dar difusión entre a comunidade educativa ao traballo que se está a desenvolver no centro e que ao alumnado lle sirve de motivación por ver o seu traballo publicado na rede. Está dispoñible na seguinte ligazón http://meteosueiro.blogspot.com.es/.

No Ceip Manuel Sueiro son expertos en meteoroloxía. Non se esquecen un só día de visitar a estación meteorolóxica e de reflectir os datos recollidos no blog de meteoroloxía.