XORNAL ESCOLAR

Portas abertas ao "mellor lugar do mundo"

20.02.15.BARBADAS.CEIP.FILOMENA.DATO.REPORTAGE.
photo_camera CEIP Filomena Dato.

O CEIP Filomena Dato preséntase como un centro completo e vangardista. Hoxe e mañá convidan a todo o mundo a coñecer as súas instalacións e amosarán o seu interesante proxecto educativo

Como un lugar "especial e moi familiar que nos axuda a medrar día a día", así definen os membros da comunidade educativa do Filomena Dato este centro que pretende ser unha escola inclusiva, na que as familias sexan partícipes e teñan peso nos proxectos e actividades desenvolvidas durante o curso.

Hoxe é a primeira das dúas xornadas de portas abertas, que agardades desta actividade?

Queremos que os pais coñezan o centro, aclarar as posibles dúbidas que teñan e animalos a que matriculen aos seus fillos no noso centro. Temos preparada unha curtametraxe centrada nas excursións e saídas que organizamos e con imaxes das múltiples actividades que desenvolvemos ao longo do curso. Hoxe comezamos ás 18:00 horas e mañá agardamos a visita dos pais a partir das 12:30 horas.

Definides o centro como "O mellor lugar do mundo", cal é o principal atractivo do Filomena Dato?

Sen dúbida o Filomena Dato é o lugar ideal por ser un centro moi completo. Contamos cunha ubicación privilexiada e céntrica e ofertamos unha ampla variedade de servizos, actividades e programas axeitados a cada idade e sempre avanzando cos tempos e á vangarda no que ás novas tecnoloxías se refire. Pero por riba de todo debemos destacar o ben preparados que saen os nosos escolares académica e persoalmente.

¿Cales son todas estas propostas que ofertades no centro?

Contamos cun bo comedor escolar con cociñeiro e axudante, ademais, organizado polo Concello e a ANPA temos o programa "Bos días cole e almorzos escolares", cun horario de 7:30 a 9:15 horas. Temos servizo de gardería para o alumnado de comedor, cambio de roupa para os de Infantil, clases de reforzo e de inglés, sección bilingüe en 4º de Primaria con Educación Artística en inglés e moitas outras propostas máis.

O Concello de Barbadás e a Anpa contan cun papel moi activo e colaboran estreitamente co centro, non e así?

Efectivamente. Ambos colectivos están moi involucrados en todas as propostas e necesidades que temos no centro. De feito teñen un papel fundamental na organización de actividades extraescolares. O Concello propón este curso clases de xadrez, psicomotricidade, informática, pintura, teatro, etcétera. Por outra banda, a ANPA oferta este curso teatro, expresión corporal, patinaxe, baile moderno, ioga e moitas outras atractivas propostas.

A estas actividades súmanse saídas e celebracións ao longo de cada curso?

Así é. Cada novo curso planificamos excursións, saídas culturais e celebracións no propio centro. Deste xeito sempre conmemoramos o Nadal, o Día da Paz, Entroido, Letras Galegas e acudimos a xornadas de convivencia con outros centros. No tocante ás excursións contamos con varias ao longo do curso, por exemplo, este ano os nenos de sexto acudirán a Marín a un espazo multiaventura.  

O centro non deixa de crecer e adecuarse ás necesidades actuais, cales son os vosos proxectos?

Pois temos varias cousas en mente. Por un lado contamos cunha aula dixital en 6º curso, outra en inglés e tamén no salón de actos e queremos pouco a pouco suministrar todas as aulas con pizarras interactivas. Por outra banda nos sumamos á campaña do Concello de Bergondo para recadar apoio para instar á Real Academia Galega a adicar o Día das Letras Galegas de 2016 á poetisa Filomena Dato. Esta iniciativa xa a comunicamos ao Concello de Ourense e estamos a traballar para que poida ser un feito.

EDUCADORES

Susana Godoy (Dinamizadora da Biblioteca e profesora de Educación Física)

Susana Godoy é a responsable da Biblioteca do centro e se encarga de atender este espazo nos recreos xunto a un grupo de voluntarios. Dende 2010 no centro están inmersos no Plambe. Traballan en tres ámbitos: animación á lectura, formación de usuarios e alfabetización informacional.

Elisa Rodríguez (Mestra de inglés e responsable do equipo de dinamización da lingua galega)

Este curso, no pasado mes de outubro, Elisa participou xunto a un grupo de escolares do centro nun programa de inmersión lingüística en Jaca (Huesca), onde compartiron numerosas actividades en inglés xunto a outros escolares, sen dúbida unha actividade do máis froitífera.

Mar Velasco (Departamendo de Música Profesora de Primaria)

Mar Belasco é dende este curso a responsable do departamento de Música, actividade para a que conta coa axuda da directora do centro. Dende idades temperás, os escolares familiarízanse cos instrumentos e aprenden a tocalos e a sentir a música dun xeito especial.

Carmen Martínez (Dinamizadora das Tic´s e Mestra de Infantil)

Carmen Martínez traballa este curso e con moito entusiasmo nun proxecto relacionado co Universo. Os nenos están encantados coas actividades que comparten e co moito que aprenden dun xeito ameno. Traballan por proxectos e está a dar moi bo resultado.

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar
xornalescolar_0304_otitis_01
Escola de Familias

¿Qué es la otitis?

xornalescolar_0304_nuria_01
De que se fala

Solo lo que suma