AULAS ABERTAS

A ritmo de folión polas rúas do Bolo

20180216193520546_result
photo_camera Un momento do percorrido do folión polas rúas de O Bolo.

Profesores, escolares e familias, esto é a comunidade educativa do colexio de Infantil e Primaria, sumáronse á festa polas polas rúas do municipio con baile, cánticos e moitas ganas de troula

Cen quilómetros separan o CEIP do Bolo do centro da cidade de Ourense. Este traxecto foi o percorrido polas cámaras de Telemiño para vivir un evento único e unirse a unha xornada festiva que só os escolares deste colexio celebran cun cariño especial e coa intención de animar a todas aquelas persoas que atopan polo camiño. Era Entroido e a comunidade educativa do CEIP O Bolo presentou o folión polas rúas do Concello. Vestidos para a ocasión os escolares cantaron, bailaron e tocaron os instrumentos convidando a todos os que se atopaban polo camiño a sumarse á festa.

Esta celebración é un símil do que se vive día a día neste centro de ensino do rural onde os valores como o compañeirismo, o traballo en equipo, a sensibilidade ou a responsabilidade están a orde do día. 

Ser testemuños dun día no CEIP do Bolo foi un dos obxectivos do programa Xornal Escolar cando se desprazou a este concello ourensán. A experiencia non puido ser máis positiva e foron os propios escolares os encargados de presentar o seu centro. Percorreron a aula de Infantil e as de Primaria, así como os espazos complementarios cos que contan como a biblioteca, o ximnasio, a aula de informárica e mesmo o patio onde cada día comparten xogos e multitude de anécdotas.

Como eran días de festa pola proximidade do Entroido, os nenos e nenas explicaron tamén como elaboran os seus propios traxes coa axuda do profesorado. Cada ano escollen unha temática e traballan sobre ela na aula e o Entroido convértese así nunha oportunidade máis para aprender mentras se divirten. No Entroido nunca falta a visita ao centro de anciáns do municipio, co que teñen unha estreita relación e comparten actividades durante todo o ano.

Antes de mencionar os proxectos nos que están inmersos neste centro de ensino é importante salientar a beleza do municipio onde se están formando os estudantes do CEIP do Bolo, a confianza que existe entre todos os membros da comunidade educativa e, como indicou o director do centro, Emilio González “pais e profesores temos un mesmo obxectivo que é a formación dos nosos alumnos e os seus fillos e esto fai moito máis doado organizar actividades conxuntas”.

O CEIP do Bolo é polo tanto un centro do rural con todas as vantaxes dos colexios destas características e cun equipo humano que converte o día a día de aprendizaxe para os escolares e de traballo para os profesionais da docencia, nunha nova e fantástica experiencia que non deixa de sorprendelos.

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar