XORNAL ESCOLAR

Un tesouro ourensán baixo terra

photo_camera Un dos lugares privilexiados da provincia de Ourense, os Baños de Bande, de uso gratuito.

A auga é saúde, é vida. En Ourense, podemos atopar augas termais en varios recunchos da provincia.

Sabemos que a auga é saúde, que é vida. En Ourense este elemento forma parte do noso día a día e sobre todo as augas termais, que as podemos atopar en varios recunchos da provincia.

Baixo a cidade e en diferentes paraxes da provincia de Ourense discorre un océano formado nas profundidades da terra e que brota á superficie dando lugar a unha morea de posibilidades de turismo e desenvolvemento económico da provincia.

Augas termais

Denomínanse augas termais a aquelas que xorden na superficie cunha temperatura 5ºC máis alta que a temperatura media anual do lugar onde se atopan. O paso da auga entre distintas capas subterráneas, nas cales as rochas están a alta temperatura, produce o aumento de temperatura destas augas.

Os beneficios das augas termais son debidas a existencia de minerais na súa composición obtidos da disolución.

Hai que diferenciar entre augas mineiro-medicinais, sendo aquelas que na súa composición atópanse minerais con características terapéuticas obtidas de distintos procesos biolóxicos e xeolóxicos, e augas termais, que son a súa vez mineiro-medicinais; xa que non todas as augas mineiro-medicinais son termais, xa que podemos atopar augas mineiro-medicinais frías.

Un pouco de historia

A orixe do termalismo remóntase á prehistoria, cando o ser humano descubriu que os animais feridos ou enfermos buscaban a curación nos mananciais de auga quente. Se  ben foi na época Grega cando se inicia o verdadeiro culto a auga termal; xa dando conta delas Ulises na Odisea, falando das marabillas dos baños terapéuticos. Pero sen dúbida foron os romanos os encargados de estender o poder da hidroterapia en todo o continente Europeo. A época Romana caracterízase pola existencia de termas públicas en case todas as grandes cidades, estendéndose por toda Europa aproveitando a súa expansión do Imperio ata chegar a Galicia, onde atoparon un gran paraíso termal.

Termalismo e saúde

O termalismo actual está intimamente vinculado co turismo de saúde, o cal lle da unha nova dimensión ao termalismo tradicional. Xa no século XIX, as demandas do termalismo permitiron o desenvolvemento dun novo concepto, os balnearios illados convertéronse en verdadeiras vilas de auga con hoteis de primeira clase, teatros, cafeterías…

As primitivas termas e balnearios foron evolucionando xurdindo novidosas estacións hidrotermais e centros SPA. 

O termalismo como turismo de saúde, é visto non só como unha posibilidade de curación de enfermidades, senón como método de prevención da saúde e lograr unha mellor calidade de vida. Os actuais centros termais constitúen un conxunto de instalación que contemplan balnearios, piscinas, ximnasios, etc. Atópanse situados nos arredores das fontes termais, onde ademais se ofrecen outras posibilidades de ocio como visitas a lugares típicos, pasear por diferentes sendas ou se practica o turismo ecolóxico, entre outras opcións saudables de ocio.

Roteiro Provincial Termal

Se damos un paseo pola nosa provincia podemos atopar diferentes lugares onde gozar das augas termais. Realizaremos unha pequena viaxe polos diferentes enclaves onde existe este prezado tesouro. Na cidade de Ourense podemos atopar diferentes enclaves para poder gozar destas augas:
A Chavasqueira, O Muiño da Veiga, Outariz e As Burgas.

Ao longo da provincia atopamos tamén mananciais de auga quente en: 
1. Barabantes-Estación (Cenlle), 2. Prexigueiro (Ribadavia) , 3. Berán (Caldelas), 4. O Carballiño, 5. Partovia (O Carballiño),  6. Cortegada, 7. Baños de Molgas, 8. Laias (Cenlle), 9. Arnoia, 10. Lobios, 11. Bande.

Termas romanas de Bande

Os Romanos forón os primeiros en crear instalación termais na zona coñecida hoxe como Baños de Bande, cerca da cal estableceron un campamento militar, o Aquis Querquernis (século I-II). Chamado así en alusión a dous elementos naturais do lugar, a auga termal, e os carballos (Quercus ilex). 

A súa utilización foi continua dende o tempo dos romanos aínda que as instalación fosen rudimentarias. Ata mediados do século XX contaba cun edificio moderno, con pilas de mármore, duchas e todo o necesario para os tratamentos. Pero estas instalación foron completamente inundadas e destruídas polo encoro das Conchas.

Aínda así cando as augas deste están baixas, pódese gozar das bañeiras antigas e das súas augas noutras pozas feitas recentemente. Antes da construción do encoro as aguas brotaban nun campo, en varios mananciais de agua con diferente temperatura. Hoxe en día cando o encoro está baixo, brotan ao lado do mesmo varios mananciais moi próximos entre si. 

O caudal é moi abundante, chegando a formar un pequeno arroio de aguas quentes. Presentan unha temperatura de 48ºC. Son augas claras, transparente e de débil mineralización. A súa composición é bicarbonatada-sódica, fluorada e litínica. As súas principais indicacións eran para enfermidades reumatolóxicas, trastornos da pel, aparato hepato-dixestivo e as vías respiratorias. 

Sen dubida, é un dos lugares privilexiados da provincia, para gozar dun momento de desconexión, transportarse no tempo, somerxerse nunhas bañeiras romanas con augas termais, sentirse inmersos en plena natureza e incluso gozar dun ceo estrelado cando a noite envolve Aquis Querquernis.

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar