XORNAL ESCOLAR

O valor de alimentarse ben

No colexio de Boborás traballaron este curso nun programa do Plan Proxecta que incluiu as accións "Ponlle pilas ao teu bocata" e "Froita na escola"

A actividade "Aliméntate ben" foi un éxito xa que os escolares aplicáronse moito.
A actividade "Aliméntate ben" foi un éxito xa que os escolares aplicáronse moito.
O valor de alimentarse ben

A implicación de toda a comunidade educativa no día a día do centro é unha das claves para que o CEIP Nosa Señora de Xuvencos sexa todo un referente educativo e de continua evolución. A tan só oito quilómetros de Carballiño, no Concello de Boborás, está ubicado este colexio onde nos últimos anos duplicaron o número de alumnos, un dato importante e pouco habitual na actualidade nos centros de ensino do rural, pero que non lles impide seguir sendo unha escola pequena, inclusiva e que fomenta a participación proactiva de toda a comunidade educativa. 

Son numerosos os proxectos e actividades nos que están inmersos neste centro de ensino de Educación Infantil e Primaria durante todo o curso, como a promoción do deporte escolar, coa iniciativa Xogade do Plan Proxecta, o Programa Abalar ou as Mochilas Viaxeiras, entre outros, se ben é certo que este ano aplicáronse especialmente en dúas accións do Plan Proxecta, dentro do programa "Aliméntate ben", que incluíron as actividades "Ponlle pilas ao teu bocata" e "Froita na escola". Este programa ten como obxectivo traballar na alimentación saudable, dun xeito integral, achegándose ás necesidades alimenticias do alumnado e, en concreto, ao coñecemento das propiedades dos alimentos do mar, como son os produtos frescos e en conserva, potenciando a importancia do sector pesqueiro e marítimo en Galicia.

Nesta actividade educativa participaron este curso os escolares de 4º, 5º e 6º de Educación Infantil e os de 2º curso de Educación Primaria que, en dúas sesións quincenais, incluíron esta actividade en varias dinámicas educativas, tendo tamén moi en conta a información correspondente a cada alimento e do seu entorno, así como a degustación de diferentes aperitivos con alimentos do mar. O momento da degustación foi probablemente o máis agardado xa que nese intre xa contaban con importantes datos sobre os alimentos que a bo seguro non esquecerán.

A actividade foi un rotundo éxito xa que os escolares se concienciaron da importancia de comer dun xeito saudable, ao tempo que coñeceron aqueles alimentos indicados e todas as características que xiran en torno a eles. A participación activa de toda a comunidade educativa foi moi importante para que a actividade fora un éxito. Os profesores fan un balance moi positivo desta proposta educativa na que cumpriron con todas as expectativas propostas a principio de curso en relación cos obxectivos e finalidade educativa.