Cartas al director

Os borregos de Panurgo

“Unha sociedade de ovellas, finalmente, xerará un goberno dos lobos” (Bertrand de Jouvenel, politólogo galo, fundador da chamada Economía Ecolóxica)

Ando mareado. Navego polo mar galego cunha forte maruxía. As ondas de faciana humana afananse na tarefa de afundir a nave. Tropezo dende a banda de babor ata a banda de estribor. A hipérbole do acontecemento faime lembrar a Rabelais, un mestre da narrativa hiperbólica. Relata na sua xenial obra “Gargantúa e Pantagruel”, o feito levado a cabo por un personaxe chamado Panurgo.

Navegaba o tal Panurgo, na compaña de Pantagruel, nun navío que carrexaba un rabaño de borregos, propiedade dun feirante. Nun momento dado, xurdíu unha forte discusión entre o mercader e Panurgo. Non chegaron as máns. Finaron a controversa, cando Panurgo mercoulle ao feirante o castrón do rabaño. Levantóu ao animaliño e arroxouno pola borda. Non sabendo nadar, comenzou a dar berros anguriosos. Axiña, seguindo os balidos do castrón, todos os demais borregos botaronse a auga. Malpocados, afogaron todos.

Hai moito borrego coma hai moito Panurgo niste bonsái do Atlántico, a Galicia nas verbas de Manolo Rivas. Que non nos mareen tanto. Tanta maruxía de ondas egoístas poderían facer  naufragar a nave “Rexeneración”. Liberarianos do triste avatar, se deixaramos de comportarnos coma ovellas e rexeitásemos de seren guiados por castrón algún. E se xuntos non podemos, non esquezamos que a mar revolta trae a praia as gaivotas carroñeiras, ou chapapote coma fíos de plastilina. A lúgubre paisaxe dos bigoás presos nas rochas. Estamosche bos se non temos memoria. A mín atérrame perdela. Sabio o refrán que dí que un pobo sen memoria é un pobo sen mañán.