Cartas al director

Vendendo Ourense polo mundo

“A política é a arte de disfrazar o interese xeral o interese particular” (Edmond Thiaudiére, escritor e filósofo francés, 1837-1930).

Velai van, vailai veñen, polo mundo, mundial, os nosos políticos ourensáns. Non se cansan de ir e vir. Levan nas faltriqueiras as bondades da xeografía do terruño pra acadar inversións extranxeiras, coma, tamén, venderlle os nosos productos, os nosos coñecementos, xa que perteñecemos a unha taifa intelixente. E que ser de Ourense, e ser catedrático, se fumos o berce da ilustradísima Xeneración Nos.

Hoxe xa recollemos froitos daquela visita norteamericana, grazas a mediación de Juan Verde, que de tanto twitear con Obama, o ex mandatario nomeuno conselleiro pra intercambios entre USA e Ourense. E pra nos, é unha honra ver coma as cañas de Maside desplazaron o clásico cheesecake neyorquino, dende Manhattan ata Staten Island.

E sendo, coma somos, larpeiros, podemos catar o hot dog de pulpo carballiñés en calquera dun food-truks na rúa, ou se o prefire nun local entre no  afamado Gray’s  Papaya en Broadway Ave. Pola contra os inversores yankies xa acapararon todo o chán industrial de Cudeiro, onde refinarán o petróleo extraído do río Barbaña. Nesta industria tamén está interesado Uzbekistán, logo da visita dun concelleiro da nosa cidade, e ao mesmo tempo, amosaron a sua interese polas augas termais, xa que é unha gozada bañarse, logo de traballar nun oficio tan porco.

Agora, temos ao noso alcalde coma un viaxeiro impenitente. Fai unhos meses viaxou a China a vender o noso termalismo. Coa cantidade de chinos rexentando bazares, é todo un reclamo pra que os seus compatriotas, de paso que veñen a visitalos ou venderlles, proben as calidades terapeutas das nosas charcas, naque flotan algas autóctonas e especímenes sen catalogar.

Neste intre o alcalde atópase nunha misión de intercambio comercial, industrial e educativo, na rexión  de Balikesir en Turquía. Vai na procura de verderlles termalismo, e comprometese que a Universidade de Vigo manteña un intercambio cultural coa Universidade de Balikesir, que nada ten envexar as de Oxford, Cambridge, ou o Tecnoloxico de Masachussets. O alcalde de Karesi, a capital da comarca, amosoulle as suas fábricas de pezas de aceiro, ou de cabinas pra tractores. Boa visión do turco, xa que o noso agro censa máis tractores que poboación.

Fora da oportunidade rendable destas viaxes, grazas a estes políticos daprendín unha xeografía que descoñecía. Hoxe podo saber onde fican lugares asiáticos cunha pica posta por ourensáns. Méritos que non foron quen aqueles afiadores e paragüeiros nos pasados séculos.