Cartas al director

Mariano e Donald na terceira fase

Hai no decorrer da historia momentos que, por dereito propio, pasan a formar parte, case no mesmo intre de acaecer, do exclusivo cadro de honra de fitos que marcan unha época. Hainos mesmo nos que unha circunstancia, unha coxuntura provoca un cambio de ciclo substancial no devir da humanidade. O inicio dunha nova era. Aí están, nese selectísimo clube, o descubrimento do lume, a invención da roda, a imprenta, a luz eléctrica, a máquina de vapor, a penicilina, internet… Omito a pólvora porque coñezo a moitísima xente que está a reinventala cada día.

Sorprendentemente, a maioría do mundo aínda non é consciente de que, segundo van caendo inexorablemente as follas do almanaque da cociña, se aproxima un acontecemento que pasará con total seguridade a engrosar a lista enunciada unhas liñas máis arriba. Un deses instantes que quedará pendurado da memoria colectiva como o cadro á parede pegado, que cantaban Los Secretos.

A finais deste mes de setembro no que andamos está anunciando un encontro que pode rirse vostede dos da terceira fase de Spielberg. Na cidade de Washington van entrecruzar os seus camiños dous dos máis grandes do noso tempo. Mariano Rajoy e Donald Trump. O do plasma e o cataplasma. Para o meu gusto faltan Kim Jong Un, con ou sen tupé nuclear, e Nicolás Maduro, con ou sen páxaro conselleiro para que o encontro acade o nivel, non sei, dunha foto das Azores, da dos acordos de Balta despois da II Guerra Mundial, ou do encontro de Kennedy con Kruschev.

O guión e o protocolo apuntan a que haberá foto do apretón de máns na entrada da Casa Branca ou “chabola noxenta” como lle chama o seu ocupante actual. E despois, de que falarán estes grandes estadistas? Explicaralle o de Pontevedra ao sucesor de Lincoln como escurrir habilmente o bulto cando a corrupción rodea por todas partes o entorno do que eres responsable hai xa moitos anos? Daralle o neoiorquino a Rajoy nocións de albanelería para construir muros alá onde haxa problemas? Non hai nada que unha boa parede de bloque non arranxe. Polo menos así non se ven os problemas.
Non costa imaxinalos como Platón e Aristóteles , camiñando coas máns nas costas, reflexionando, filosofando polos xardíns do edificio presidencial ianqui mentres departen sobre quen manipula mellor aos medios de comunicación ou cal dos dous adorna con máis chascarrillos o Twitter. 
Son o novo Dúo Dinámico. Que ben camparían con cadanseu chaleco vermello!

Xusto é recoñecer que ambolosdous son presidentes escollidos lexitimamente nas urnas, o cal non fala moi ben dos que están enfronte. Pode chegar a darse o caso de que como a esquerda, en España, non se centre e organice, no ano 2026, e a pesares dos esforzos de Albert Rivera por limitar mandatos, Mariano Rajoy siga a ser presidente. Quieto. Movéndose pouco para non desgastarse.  Chegado ese momento, todos poderemos facer unha homenaxe moi emotiva lembrando ao seu compañeiro de batallas que por sorte xa haberá anos que deixara a chabola entoando e versionando a mítica melodía de Manolo e Ramón adaptandoa ás circunstancias, “Quince años tiene mi error”, cantaremos todos a pleno pulmón. Qué mellor forma de honrar a memoria deste dúo tan dinámico. 

Se se me permiten propostas, o mellor é que leven con eles un parchís, e supoñendo que ambos entendan a mecánica do xogo, pasen o tempo arredor do taboleiro cos dados e as fichas de cores e se absteñan así de tomar decisións de ningún tipo. Se levan un Risk a cousa pódese complicar e a saber como remata.