Cartas al director

Que é celebra-lo Domund?

Amig@, o próximo día 21, domingo, culminarémo-la celebración do Domund na nosa diocese. Pero, qué é celebra-lo Domund. 

Celebra-lo Domund é estar en sintonía con D. Adelino Álvarez, Dña. Josefa Ledo, D. Miguel Baños, Dña. María Luisa Lamelas, Sor Ángela Grande, Dña. Carmen Hernández, Srta. María José Fernández, D. Eugenio (Queno) Moreiras e Dña. Mercedes Grande, que forman o equipo que dinamiza o espírito e a actividade misioneira na nosa diócese, durante todo o ano. Este equipo cre na forza da nosa bondade. 

Celebra-lo Domund é empatizar con centos de nenos e mozos que durante estes días, nos patios dos Colexios, nas rúas da cidade, nos camiños das vilas e nas corredoiras dos pobos, postulan para que o corazón dos maiores teña a sensibilidade do corazón dos pequenos. Os pequenos cren na forza da nosa bondade.

Celebra-lo Domund é crer o que nos din ourensáns que viviron en Jipijapa. É crer o que nos di Jorge Valado: “Atopeime con xente cariñosa e acolledora que busca a Deus e axuda a atopalo”. É crer o que nos di Alberto Diéguez: “Teñen ganas e fame de Deus, non hai obrigas cara a Deus, senón sentimento e agarimo”. É crer o que nos di Pablo César: “Compartir  a fe e a vida durante unhas semanas con aquelas xentes foi unha auténtica bocanada de aire fresco para a miña vida”. É crer o que nos di Fran Martín: “Moita vida, alegría e festa, neste trociño de Ourense en Jipijapa”. Estes ourensans cren na forza da nosa bondade.

Celebra-lo Domund é loitar para que cambie o mundo, como nos propón o lema deste ano. Pero para que cambie o mundo, o noso sr. bispo pídenos a ti e a min que “nos metamos na escola do evanxeo e nos deixemos cambiar polo dinamismo da gracia do Espírito Santo”. O sr. bispo cre na forza da nosa bondade. 

Amig@, celebra-lo Domund é participar nas colectas que durante estes días se fan nas igrexas, nos colexios, nas prazas, nas rúas…  O ano pasado recaudáronse en total na nosa diocese: 237.900,52 euros.  Os beneficiados o ano pasado e os que se beneficiarán este ano, cren na forza da nosa bondade. E dinnos: Graciñas.