Cartas al director

Galicia caníbal

Como moitos xa saberán, non son orixinal: tomo prestado o título de ‘Os Resentidos’, aínda que nunca coñecín ben a letra e non podo afirmar si é a máis axeitada para o que vou expor, pero si que o é o encabezado. Ven a conto da última festa gastronómica do Carballiño, a do polbo –o corrector automático subliña en roxo ‘pulpo’-, estamos a falar, naturalmente.

Meu Deus !, 75 toneladas de polbo-pulpo, 75.000 quilos, 37.500 metros ou 37,5 kms. –calculando medio metro cada un, que coido escaso- poñendo un tras de outro cos rabos esparexidos: o que vai de Ourense a Xinzo, máis ou menos. Dise pronto, así de fácil e sen remordementos, a pesares de que van a menos nos mares, gracias ao gusto compartido dos xaponeses, e que leva xa meses subindo o custo –que por non aumentalo  as pulpeiras, ou polbeiras, nolo quitan na ración-, e o que lle queda até se converter nun prato de luxo.

Penso, modestamente pero con convicción, que “os tempos son chegados” de reconsiderar as nosas festas gastronómicas, de tan longa tradición pero co seu berce nun remoto pasado de fames e penalidades continuas, que tanto servían para o lecer, para facer unha parada no duro traballo cotián, como para estreitar os vínculos sociais enchendo tamén o bandullo. Está ben que se tire para diante, sen reparos, cando as paparotas van de pan, de pementos, de empanadas e cousas así, fáciles de repoñer e que non supoñen unha esquilma da riqueza biolóxica; pero de polbo, sardiñas, anguías e outras especies, en fin, do que xa apenas queda e que vai camiño de desaparecer, ¿que sentido ten seguir con estas prácticas depredadoras? E non podo esquecer á lamprea, que logo de catro meses a fartar, con importacións a mazo para dar feito á nosa demanda –con tódolos restaurantes miñotos e non tanto poñendo o ‘completo’ cada fin de semana-, remata co folión xa en Maio da ‘Festa da Lamprea’ en Arbo, para arranxar cos restos. Xa nin falo dos homenaxes ao porco, ao cordeiro, ao cabritiño ou á costeleta, que, si ben son repoñíbeis nas granxas, non deixan de ter o seu aquel de ‘progrom’ encarnizado contra seres tan feiticeiros como, para a súa desgracia, saborosos. ¿A que agardamos para corrixir estas nosas atávicas costumes que xa non teñen ningún xeito?

E non pensen os do Carballiño que lles teña xenreira ou parecido: pola contra, raro é que non faga unha visita semanal, do Outono a Xuño, para espallarme nas sesións do Cine-Club e logo compartir uns viños con compango cos amigos que alí teño: vergonza allea e pena sentín moitas veces polo desprezo que amosan os carballiñeses á laboura de uns poucos e porfiados conveciños, coas ‘Xociviga’ incluídas, que non teñen o recoñecemento axeitado. Eu invito aos cineclubistas ourensás a se desprazar os venres á nosa vila da Veracruz –da desfeita urbanística herdada do franquismo mellor non falar-; son 15 minutos  indo sen presas, e de paso poderán desfrutar de unha ración de polbo-pulpo sen noxentas e depredadoras aglomeracións.