Cartas al director

Os nenos de Taboadela

Lembro aqueles tempos onde, chegados a esta altura do ano, os nenos dedicabámonos a percorrer a pé ou en bicicleta, unha sinxela estrada nacional e todas as pistas que, como as ramas dalgún vello carballo, xurdían dela cara ás aldeas e parroquias que forman o noso concello. Eran finais do setenta e principios do oitenta e o meu pobo, o meu concello, era e é Taboadela.

Como no resto do país a ilusión e a esperanza camiñaban da man co esforzo diario, as dificultades e as dúbidas que se sabía xurdirían nos anos seguintes. A pesar diso e grazas aqueles nenos, en Taboadela sentía que había vida, que había un futuro. Lembro o balbordo, o ruído, as risas, as bicicletas e os balóns. Lembro as escolas cheas de nenos e nenas, lembro as festas e as comidas en casa dos avós. Lembro todo aquilo.  

Pero todo aquel bulicio foise apagando. Dunha maneira case desapercibida, pero implacablemente, esas risas, eses berros, esas bicicletas, eses nenos foron desaparecendo. Foise deixando paso a homes e mulleres que miraban á súa ao redor para acabar fixando os seus ollos no horizonte. Moitos deles fóronse. Nada impediu que a nosa mirada voase. E detrás dela fómonos nós, abandonando Taboadela coma se fose algo que xa non necesitabamos, coma se fose algo que non nos necesitase. 

Aqueles nenos querían seguir xogando e marcháronse sen darse conta do baleiro que quedaba, un baleiro que cando un pasea polas aldeas e polos camiños de Taboadela, nota inevitablemente. Casas pechadas, aldeas vellas que morren abandonadas, leiras e terreos que xa non se traballan nin acollen aos seus propietarios, silencios que permiten atoparse cun mesmo pero que confirman que desafortunadamente, e na maioría dos casos, será o único que un poderá atopar, e sobre todo o que un percibe é a resignación por un destino onde non hai demasiadas esperanzas pola volta deses nenos.

Taboadela, “o mellor lugar do mundo”, ten todo o que un neno necesita: bos veciños, bos camiños para poder ir e volver, unha marabillosa natureza, boas persoas, ... o que non ten é ganas de aguantar as “trastadas de novos críos”, duns  nenos que fagan de Taboadela un bonito lugar para poder xogar, para poder vivir.