Cartas al director

Carta aberta ó conselleiro de Educación y Cultura

Segundo lin nos xornais, está preparando un plan de potenciación da lingua galega no eido socio-económico. Benvido sexa! Pero tamén lin con preocupación que deixa á parte o ámbito educativo e, polo tanto, que non vai modificar o decreto do plurilingüismo. Aduce vostede que este decreto “garante un ensino equilibrado entre as linguas oficiais e un coñecemento oral e escrito da nosa lingua”.
Teño que amosarlle o meu desacordo con esa afirmación: nos datos recentemente publicados polo IGE, case o 23 % dos rapaces menores de 15 anos non saben falar galego (ou sábeno falar pouco), un 6 % máis ca no ano 2008. Estas cifras son inadmisibles e vostede, como conselleiro de Educación, é o máximo responsable de revertir esta situación.
E cando digo que son inadmisibles non é simplemente unha opinión persoal: na sentenza do 87/1983 do Tribunal Constitucional referida á ensinanza do éuscaro di que “todos los habitantes de Euskadi tienen el derecho a conocer y usar ambas lenguas... Ello supone, naturalmente, que ambas lenguas han de ser enseñadas en los centros escolares de la Comunidad con la intensidad que permita alcanzar ese objetivo”. É evidente que o que se di para o éuscaro é válido para o galego. Non fala dun ensino “equilibrado” das linguas, senón que vostede ten a obriga de arbitrar as medidas necesarias para que se acade un coñecemento suficiente nas dúas linguas que permita o seu uso e, polo que indican as cifras do IGE, o decreto non só non mellorou a situación do 2008 senón que a agravou. Dende logo non semella que esa intensidade necesaria se acade prohibindo ós profesores que impartan as súas clases en galego ou permitindo que non chegue ó 3 % os centros de infantil onde o emprego da lingua galega sexa maioritario.
Xórdenme dúas preguntas. Moitos centros en Madrid son bilingües, é dicir, imparten as súas clases en castelán e en inglés. ¿Imaxina vostede o escándalo que se formaría se o 23 % dos alumnos deses centros non souberan falar en castelán? ¿A que porcentaxe de escolares que descoñecen a lingua propia de Galicia temos que chegar para que se tomen medidas no ambito educativo?
    Hai moitas máis razóns para modificar ou suprimir o decreto. Non pretendo con esta carta facer unha análise exhaustiva, só lembrarlle que os datos do IGE obrígano a accións urxentes da súa Consellería no ámbito educativo. Espero que a verdadeira razón pola que non se quere tocar o decreto non sexa electoralista, que por un puñado de votos dun certo sector do electorado se estea poñendo en xogo a supervivencia da nosa lingua. De ser así, o seu carácter dialogante non sería máis ca unha fachada, e a consideración que merecería sería a dun tratante sen escrúpulos.