Cartas al director

A silenciosa degradación da calidade do sistema sanitario público

Luis Garicano, exprofesor da London School of Economics e deputado de Ciudadanos, expoñía este domingo pasado (“Médicos excepcionales a los que se despide pronto y mal” El Español 16/4/17) a sua sorpresa polo tratamento vexatório ao final da sua carreira de dous médicos excepcionais: Fernando Seijo, neurocirurxián do HUCA de Oviedo, formado en España e Zurich e referente na neurocirurxía funcional para o tratamento do Párkinson, que ten operado a 450 pacientes, aos que colocou 725 electrodos intracerebrales cunha fiabilidade do 96% por electrodo, sen mortalidade algunha; e Raquel Barrio, endocrinóloga pediátrica do Hospital Ramón y Cajal en Madrid, formada en España, París e Boston, pioneira en novas tecnoloxias de bombas de insulina e sistemas de monitorización continua de glucosa. Ambos médicos, chegados aos 65 anos, e tras solicitar a prórroga para continuar no sistema público de saúde até os 70 anos, reciben unha carta denegando-lla e requirindo que se xubilen en un mes. 

Isto mesmo ten acontecido durante anos no Servizo Galego de Saúde. Dende 2013 as autoridades sanitarias galegas (e doutras partes do Estado) xubilaron a un bo número de profesionais da medicina. Estes profesionais, innovadores en técnicas e terapias, e auténticos referentes nos seus servizos, estaban aos 65 anos en plenas capacidades para seguir contribuíndo á calidade do sistema sanitario galego, tanto pola atención asistencial aos doentes, como polo seu maxisterio para as seguintes xeracións de médicos.

Toda esta capacidade, empuxe e capital humano desperdiciouse. A estes profesionais non se lles permitiu xubilarse alén dos 65 anos. Calquera médico de calquera hospital do Servizo Galego de Saúde ten en mente ún destes facultativos aos que me estou referindo. Para o Sergas, os facultativos representaron unicamente un custe.

O Sergas xubilou a todos cun único obxectivo: aforrar nas contas da Xunta de Galicia. Así, repuxo aos xubilados “caros” por médicos novos sen grande traxectória e sen dilatada experiéncia, aínda que mais baratos; ou simplemente non os substituiu, incrementando a carga asistencial aos médicos dos respectivos servizos. Toda a experiéncia, coñecementos e empuxe dos próximos 5-10 anos, alén o bó facer destes profesionais da medicina, perdemo-los todos os cidadáns galegos para sempre. 

Nen o presidente Feijóo, nen nengún membro dos seus gobernos van responsabilizarse polo empioramento da calidade sanitaria dos galegos o longo destes anos. Esta silenciosa degradación da calidade futura do noso sistema sanitario público galego veu acompañada, paradoxalmente, cos grandes titulares das épocas electorais referidos a “grande capacidade” dos nosos gobernantes para aforrar en materia sanitaria.