Cartas al director

Obituario | Réquine

Decatámonos da morte de Réquine cando xa había preto dunha semana que fora sepultado no cemiterio municipal de Marín. Hai uns días, o noso presidente de honra, Eladio Quevedo -que era o noso contacto con el-, informounos do delicado estado de saúde no que se atopaba, pero non pensabamos que fose tan rápido o desenlace.

Antonio Luis Fernández Cañedo Réquine foi gaiteiro da Coral de Ruada nos anos sesenta. Era fillo do tenor solista, bailarín, actor, zanfonista e tamén gaiteiro e co-fundador de De Ruada, Virxilio Fernández González.

Para a Coral de Ruada trátase dunha importante perda por ser Réquine o único lazo que nos unía cun dos nosos máis importantes -xunto con Xabier Prado Lameiro- fundadores, xa que, non hai moito, morreu o seu irmán Virxilio -o egrexio pintor- e o outro irmán, Manulo, emigrou a Brasil a mediados do pasado século.

Hai uns anos, grazas a unha eficaz xestión de Eladio Quevedo, a Coral de Ruada puido facerse cunha copia do dosier particular de Virxilio que custodiaba celosamente Réquine, quen cedeu xenerosamente o orixinal. Este dosier constitúe, xunto co que elaborara para De Ruada, un documento fundamental para coñecer a historia dos primeiros 40 anos da Coral.

Quédanos a convicción de que as fillas de Antonio -María del Puerto, María Monserrat e Ana-saberán manter o lazo de afectividade entre o seu pai e o seu avó coa Coral de Ruada. De feito, hai uns anos, visitaron o noso local e mesmo colaboraron no número 7 (ano 2008) da nosa revista “Coral De Ruada” -na sección “Persoeiros”- cun artigo titulado “Virgilio Fernández González, mi abuelo”, asinado pola maior das irmás.

Quero rematar esta pequena homenaxe transmitindo o noso máis fondo pesar polo pasamento de Antonio á súa dona, Rosa, fillas e netos, na seguridade de que xa forma parte, xunto co seu pai, da xa numerosa Coral de Ruada do ceo.