Cartas al director

Nuchi

Cando estamos mergullados nas celebracións do noso centenario, topámonos coa triste noticia do falecemento da histórica coralista Balbina Vila Cid “Nuchi”. Trátase dun duro golpe para a familia ruadista, xa que con Nuchi vaise unha parte importante da historia da Coral De Ruada. 

Nuchi entrou na Coral De Ruada, sendo moi nova, a primeiros dos anos cincuenta. A finais da década deixou a Coral para desprazarse a Venezuela onde permaneceu ata os primeiros anos setenta. De regreso a Ourense, incorporouse de novo a De Ruada, permanecendo en activo ata 2008. 

Na Coral cantou na corda de sopranos e, na súa primeira etapa, pertenceu ao grupo de baile, facendo parella con Claudio González Añel, “O Cuco de Velle”. Esposa e cuñada de coralistas, ocupou cargos de responsabilidade na Xunta de Goberno da Coral De Ruada en varias ocasións, encargándose, con gran dedicación e sentido da responsabilidade, das coreografías e do vestiario. 

Pola súa importante dedicación ao canto coral durante tantos anos, foi condecorada pola Real Academia Galega de Belas Artes “Nosa Señora do Rosario” coa medalla “Marcial del Adalid”, na categoría de prata, no ano 1998. En 2006 a Coral outorgoulle o nomeamento de Coralista de Honra da Coral de Ruada, coa concesión da correspondente insignia de ouro. Viaxou coa Coral De Ruada a América, a Europa e por toda España. 

Muller seria, cumpridora, esixente consigo mesma e cos compañeiros. Era unha desas persoas que, pola súa entrega, dedicación e compromiso fixeron posible que hoxe esteamos a celebrar o Centenario da Coral. Demostrou, por outra banda, fidelidade inequívoca a De Ruada en momentos nos que a súa continuidade pasou por serios perigos. 

Por todo iso os ruadistas, aplicando o establecido no Regulamento de Honores da Coral para Coralistas de Honra, despediremos hoxe a Nuchi na Igrexa de Santo Domingo, a partir das 16,30 horas, onde cantaremos a misa de funeral vestidos coas nosas mellores galas. 

Quero rematar esta pequena homenaxe transmitindo o noso máis fondo pesar polo pasamento de Nuchi á súa filla, ao seu fillo, e a tódolos demais familiares que, nos consta, levan a De Ruada no corazón.