Cartas al director

Aclaracións a Compromiso por Galicia de Maceda

Dadas as declaracións que Compromiso por Galicia de Maceda ten feito en distintos medios nos últimos días, e rompo un pouco o meu principio de silencio e respecto cara os que foron os meus compañeiros, xa que pola súa parte parece non ser posible aceptar unha marcha sen tentar sacar rédito político. Dada a insistencia e ataques a miña persoa por parte de algúns que din ser membros de CxG, pero que en realidade levan tempo sen selo e sen querer saber nada da organización. Síntome molesto tamén por escoitar agora a esas persoas que como eu xa hai moito que non ven futuro nesas siglas, se desentenderon no día a día do traballo político deixando o mesmo nas mans duns poucos, e aínda así non lles tembra o pulso a hora de vir dando leccións de ética política a alguén como eu que sempre ostentei os meus cargos públicos pensando nos demais, tratando a todo mundo por igual e tratando de mellorar a vida dos meus veciños e veciñas, e sen levar maior beneficio que a satisfacción de facer algo que me gustaba, acompañado dun máis que humilde salario de 1.250 euros que cobraba da alcaldía. E aínda logo de todo traballei por esas siglas ata o último minuto, e bo resultado que foi dando este meu traballo xunto ao de outros. 

Leccións de ética política a min? Que pronto se esqueceron da miña traxectoria política, eu que dende fai tantos anos estiven sempre do seu lado, as duras e as maduras, xa dende antes da famosa moción de censura do ano 96, defendendo o indefendible e as veces repercutindo negativamente no meu negocio familiar, por crer e confiar nos posicionamentos políticos e de persoas nas que eu crin e defendín, e todo isto pensando en que un Maceda mellor podería ser posible. 

Militei moitos anos no BNG e logo en CxG de xeito nobre, desinteresado e tratando de unir e traballar por xentes deste pobo que como non podía ser doutro xeito pensaban de maneira moi diferente. Eu que como sabe todo o mundo en Maceda veño de familia de pensamento de dereitas, o que nos leva a imaxinar o custoso que me resultou posicionarme na miña forma de pensar ante a miña familia, e que se ben fun quen de facelo con pensamento propio ante meus pais, que ninguén espere que conte cos seus parabéns para tomar decisións sobre o meu xeito de pensar e actuar politicamente de cara o futuro. 

Recórdolle a CxG de Maceda que eu non son militante da formación política dende fai mais de dous anos, a vez que fai mais dun que veño manifestando o meu pouco convencemento de encabezar unha nova candidatura baixo esas siglas. Daquela, cando eu dixen que non me veía de cabeza de lista de CxG, se me lanzou a proposta de encabezar unha candidatura independente amparada baixo o respaldo de CxG. Todo apuntaba que o maior interese era presentarse ante os veciños con Xabier Oviedo encabezando unha candidatura, ben de xeito oficial, ou ben ocultándose baixo unha candidatura independente, algo no que eu tampouco me amosei moi partidario. O caso era ter votos e uns bos resultados, a ver se foron vostedes mesmos os que promoveron o personalismo, e son eu precisamente o que non está de acordo en xogalo todo a mesma persoa. Para non gustar o meu xeito de facer política ben tempo me tiveron vostedes de voceiro do grupo no Concello. Interesaba non?, claro... 

Está moi ben dar leccións os demais, pero hai que predicar co exemplo. Expliquen como o sábado Compromiso por Galicia ven de presentar a bombo e platillo un candidato que abondonou o PSOE pasándose ao PP e agora aparece candidato da súa forza “coherente e ética”. Ou mesmo como apartan o candidato da cidade, impondo outro a vez que provocan o abandono da escasa militancia que xa había. 

Son personalista?, dende o día que lles comuniquei a miña marcha para outras siglas non fun contra nada e contra ninguén, simplemente recoñecín que o facía cara unha organización na que me sentía máis identificado. Pero vostedes, os “non personalistas” non dubidaron nin un segundo en xuntar esforzos contra min. Que sorte ten o Partido Popular de Maceda, que o seu principal rival político se adica a atacar aos seus propios membros que o eran ata fai uns días en vez de facerlle fronte ante a parálise política e de xestión que o Concello de Maceda padece dende fai xa bastante tempo. 

Agora son militante do PSOE?, si é certo... Pero o recoñezo e orgulloso de selo, entre outras cousas para que todo o mundo se entere, por aquelo de si en algún outro momento da miña vida se me presenta a 

ocasión de traballar novamente no esceario político para que saiban con claridade onde posicionarme. Si, son militante dese partido político co que vostedes se solidarizan coa boca pequena, pero que no fondo tanto lles molesta que a súa xente migre para il. Veño de forzas nas que equivocadamente sempre pensei que eran progresistas, e por iso e non por outras razóns agora milito nunha que ao meo humilde entender se atopa dentro desa filosofía tan fundamental para practicar a política.