Cartas al director

Lecturas de verán

Non sei se as lecturas de verán son diferentes do resto do ano, pero semellan ter a lo menos algo de convite de lecer no que mormente se degusta unha relectura e hai talvez perto unha hamaca, a sombra dunha figueira, quérese dicir, un pequeno paraíso non-venal.

Nun escenario así non cadra moito Crime e castigo pero iso sábese despois, pois non se trataba aquí dunha relectura, e sen embargo o cargo de conciencia de Rashkólnikov (ex-estudante por falta de posibles, asasino duplo) parécese moito ao inferno da canícula, e de feito o suor do noso protagonista é tamén noso, se cadra pola mestría de Dostoyeski.

Teño para min que esta cimeira da literatura rusa e universal influíu en toda unha cinematografía policíaca norteamericana nos que o ben e o mal se fitan aos ollos en interrogatorios de comisaría. Non o sei. Sí é certo que o devandito interrogatorio é cume de tensión na novela, previo a un golpe de efecto maxistral: De súpeto aparece en escea un que se di asasino sen selo -o lector sábeo-, para estupor do verdadeiro criminal.

Mais non é unha novela policíaca nin moito menos, e todo xira arredor da psicoloxía do protagonista entre o día que concibe o crime e a entrada na cadea e logo entre o ingreso en prisión e a asunción da culpa. O calvario privado do túzaro e altivo Raskólnikov vai primeiro pola xustificación do delicto baseada nun desprezo das vítimas, logo a tentativa de suicidio, polo medio el querer entregarse, buscar o perdón ante sí mesmo, é dicir, ten el un pleito dentro, e non sabe que é posible a redención nin por onde se chega.

Outra personaxe, tamén inesquecible é Svridigailov, pola contra que Raskólnikov ten aquel unha situación económica desafogada e todos o miran como un depravado e saben asímesmo da mala vida del, mulleres, xogueta, logo débedas, cárcere, mais tarde un matrimonio de comenencia e de súpeto viúvo. Con todo resulta ser unha personaxe simpática pois estando outrosí nesa barreira que é San Petersburgo toma a vida desapaixonadamente e parece sobrevoar a lama xeral, ( capital mediante ) o cal axuda a reforzar diante dos demais a imaxe de persoa ruín e perigosa. A novela ven logo a darnos a razón, pois el sí sabe onde está a súa redención e como non a consegue, sorpresa, acaba por se suicidar.

Mais personaxes. O pai alcohólico que gasta na taberna o escaso orzamento familiar. A súa dona na mesma indixencia e aínda con ínfulas, a un paso da rúa e da loucura e a morte. A prostituta vulnerable como unha velaíña e lectora da biblia, pear dos dous anteriores.

Non a lea quen non queira traxedia.