Grazas (3aulas xa. CEIP Allariz)

Grazas (3aulas xa. CEIP Allariz)

Esta carta non é unha despedida, porque seguiremos loitando ata conseguilo. Esta carta é un agradecemento humilde e sincero aos medios de comunicación que con tanto cariño seguiron a nosa loita, día a día, acción por acción,  compartindo, publicando e enchendo as follas e os minutos con cada  esforzo que nos saía do corazón.

Non somos expertos en eventos, nin en leis, nin sequera somos expertos en educación. Só somos nais e pais unidos por unha preocupación común, a educación dos nosos nenos e nenas, no presente e no futuro. 

Por iso, por facernos crer que nestes tempos que corren os medios están ao servicio do pobo, para reclamar o que é noso e denunciar as inxustizas, grazas. Grazas de corazón polo traballo ben feito.

E especialmente grazas a ti, a nosa fada madriña mediática, que de maneira altruísta, quixo botar horas con nós e pola nosa causa. Grazas por situar o colexio de Allariz no mundo, por escoitarnos, por crer que pagaba a pena todo este esforzo. Ti, que non eres nin do cole, nin de Allariz nin da provincia. 

Ti e a túa fermosa empatía quedarán sempre na nosa memoria e na dos nosos fillos e fillas, cando lle contemos que o hashtag  #noné1son51 foi tamén grazas a ti, a vós, a todos os que nos permitiron falar. Grazas!