Cartas al director

Comentario al cronista local

Envío este correo con respecto á fotografía inferior dereita publicada na páxina 17 do xornal do mércores 10 de outubro, na que se denuncia un aparcamento na vila de Celanova. Dende o meu punto de vista, paréceme xenial que se denuncien certo tipo de actividades pero débese ter en conta que non se pode facer de calquera maneira.

En primeiro lugar, a foto coa que se denuncia está tomada dende o sitio do condutor, dentro dun coche en marcha. Segundo se recolle no artigo 65.4g da Lei de Seguridade Vial, esta conducta está cualificada como infracción grave. Segundo esta mesma lei, non se contempla como infracción grave o estacionamento incorrecto (sempre que non se estacione ou pare nun lugar perigoso no que se obstaculice gravemente a circulación).

En segundo lugar, débese ter en conta que na Praza Maior de Celanova non existe ningún tipo de sinalización que delimite o estacionamento da estrada, polo tanto seguindo as regras de estacionamento, un vehículo estará ben aparcado sempre que non incumpra as premisas expostas nos artigos 90 e 91 desta mesma lei. Aínda sendo a colocación paralela ao borde a mellor segundo o artigo 92.1, contémplanse excepcións cando as características da vía así o aconsellen. Dende o meu punto de vista, as características desa vía permiten aproveitar o máximo espazo posíbel (art. 92.2) sen incumprir ningunha das outras regras, polo tanto os coches atópanse ben aparcados. Tamén na publicación se di que é unha zona non permitida para aparcar, cando non existe ningún tipo de sinalización que o impida.

Sexa como sexa, o que queda claro e que se hai que denunciar algo nesa fotografía non son os coches mal aparcados senón a irresponsabilidade do condutor que saca unha fotografía mentres vai conducindo, aínda para máis nun ámbito urbano. Sendo o xornal un medio de difusión que chega a tanta xente, creo que se deberían penalizar estas fotografías e non publicalas sen ningún tipo de filtro, xa que poden dar un mal exemplo.