Cartas al director

Obituario: Unha homenaxe a Felisindo Espinosa Borrajo

Toda unha vida dedicada aos demáis desde a súa profesión é a mellor folla de servizos que calquera home puidera presentar. Pero no caso de Felisindo hai moito máis. Os seus pais tiveron sempre ben claro que o obxectivo máis importante era que os seus fillos tiveran estudos. Felisindo sempre facía moito fincapé en que el tivera unha educación primaria moi boa, e con iso e a súa profesión de zapateiro, soubo cumprir nos seus fillos Elena e Demetrio, a meta que o seu pai tiña en mente. Coa axuda da súa benquerida Bernarda Mangana, sobrepúxose aos ataques caciquís daquela época, sempre cun tono conciliador e revindicativo propio dun demócrata convencido, e no seu deambular por Ourense sempre estaba disposto a compartir experiencias increíbles cos que eramos máis novos.

Cando coñecín a Felisindo faloume de historias de mestres represaliados. Coñecía a moitos. Desde ese día procurei xuntar á familia para non esquecer unha vida tan excepcional con valores humanos extraordinarios. Non o conseguín. A súa dona xa non estaba con nós desde xaneiro de 2010, pero aínda na súa ausencia a memoria de Felisindo non flaqueou e agora temos un documento que lembramos con moito cariño. Por esta experiencia podo sufrir cos que agora sufren a súa partida, sabendo que sempre quedará nas nosas mentes a súa alegría e a súa retranca cos que de certo o merecían. Desde estas liñas quero facerlle a miña pequena e humilde homenaxe a un home que marcou as vidas de todos os que o coñecimos. Porque aínda hai persoas que sementan as súas vidas como fixo o meu querido amigo Felisindo.