Cartas al director

¿Requien por un soño infantil?

En días pasados, no medio das “embestidas” da quimio nas miñas venas, xurdíronme dous sentimentos negativos: impotencia e frustración   O motivo foi un informe negativo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural en relación coa construción polo Concello de Toén dunha cancha de fútbol-sala respetuosa co medio ambiente, perto dunha capela onde se celebran as festas patronais, na parroquia de Mugares. Este pobo sofre unha sangrante despoboación dende os sesenta. Dende que xogabamos polas rúa provistos de chancos, golpeando un “coiro con aire”, somos varias xeneracións na única parroquia sen un área deportiva. Agora que o Concello dispón duns terreos entre a canteira que cesou e a capela, a entidade señalada, ponlle, segundo o Concello, tales condicións que fan o proxecto inviable económicamente.

Un pregúntase: ¿Onde estaba aquel organismo, cando se deixou que a canteira chegase a carón da capela?; ¿onde estaba el e outros, cando o Seprona, previa denuncia da Asociación para a Defensa Medioambiental e Social de Mugares, constatou a existencia de chatarra e escombros da canteira a carón  da capela?; ¿ou a existencia dun polvorín na canteira, próximo o pobo, con miles de kg de  explosivos como nagolita, goma 2, pólvora, detonadores, etc?; ¿quen controlou  as emisións de polvo, deflagracións, decibelios da machacadora, planta de serrado dia e noite, e resto da maquinaria, sobre as persoas e bens? ¿algún organismo investigou por que ten habido tantos casos de cancro en Mugares?; ¿tense averiguado se a exposición dos veciños a axentes canceríxenos  (radiación do gas radom, explosivos, polvo,etc.) das canteiras que rodean o pobo, pode haber alterado o sistema xenético, inmunitario ou endocrino das persoas?

Aquel informe ven a “degollar” as aspiracións e soños  dos cativos de exercer un dereito da Convención (universal) sobre os dereitos do neno: o dereito ó lecer, ó xogo e ás actividades recreativas da súa idade.

Eu creo que o Concello foi receptivo á nosa vella reivindicación, e actuou de boa fe; a mala habería que probala, pero pode facer algo máis, dentro da lei , ante unha Administración afín.  

Poñer trabas no rural a servicios básicos é contrario ós plans de dinamización, mais ben serían plans de dinamitación como di Xosé Lois no Carrabouxo, ou de exterminio, como dirían outros.

En resumo, ese non parece “o bo camiño” como di o eslogan que nos bombardea dende altas instancias.

Por último decir que se poden cortar soños infantís, pero nunca a capacidade de soñar. Esto lémbrame o famoso discurso de Martin Luther King “I have a dream” (teño un soño). Eu tamén soño que chegará un día en que o mundo rural sairá da longa noite de pedra e rexurdirá das súas cinzas como ave Fénix, e os seus habitantes utilizarán de forma racional os seus recursos, contarán con servicios dignos para poder desenvolver a súa personalidade e acadar a felicidade. Nesa dolorosa  travesía antes do rexurdimento, contamos cun faro de esperanza: as urnas. É o privilexio de todos.