Cartas al director

A lingua do silencio

Creo na eficacia da linguaxe do silencio e no diálogo de miradas, porque sei a cantidade de veces que un par de ollos me dixeron máis ca mil palabras. Deille voltas a cabeza buscando verbas inexistentes que deran explicación a feitos omnipresentes, sen decatarme de que o que precisaba non era iso. O que necesitaba era unha persoa disposta a entender. Disposta a descifrar o que nin sequera eu mesma podía, ou canto menos a intentalo. Só precisaba unha ollada cómplice, desas que tanto escasean.

O son máis ruidoso que coñeceremos é o da nosa mente indo a mil mentres o mundo cala. As nosas ideas circulando a través das nosas neuronas son o máis grande ao que nos imos poder enfrentar. Nada nos mantén máis alerta que os nosos pensamentos, porque ante eles só podemos loitar nós. Supoño que todos loitamos un pouco contra nós mesmos. Todos algunha vez tivemos que declararnos a guerra a nós mesmos, e todos algunha vez tamén a perdimos.

Por iso é tan importante o idioma do silencio. Por iso necesitamos aliados de miradas que estean aí, incluso sen estar. Por iso buscamos palabras cando non as precisamos. E por iso gañamos tanto cando falamos de complicidade sen medo.