Cartas al director

Lembrando a Rodríguez López

O día a día trae novas que, por inesperadas, causan dor e un fondo pesar. Onte domingo escoitei a triste noticia do pasamento dun home moi traballador e boa persoa que, co seu tesón e esforzo, paso a paso, foi creando unha empresa carroceira importante, empresa especializada na transformación e adaptación de vehículos para diversos usos comerciais e sanitarios. Unha persoa de forte carácter, pero de moi bo fondo que empezou a súa andaina traballando para a carrocera Unicar. E cando esta pechou, abriu un taller na Estrada de Seixalbo adaptando autobuses para o transporte escolar. Era a década dos anos oitenta e a modernidade chegaba a estas terras. Logo daquela primeira estapa, buscando un novo mercado intentou transformar turismos en vehículos fúnebres. E, anos máis tarde, abriuse un espazo no mercado das ambulancias para convertirse na mellor empresa do sector a nivel de Estado; empresa que hoxe ten un importante número de postos de traballo no polígono de San Cibrán.

Jose Enrique Rodríguez López, Pepe para os que día a día tiñamos que relacionarnos con el por cuestións de traballo, era un home de moi bo corazón. Un home de palabra, e aínda que ás veces era un tanto explosivo, foi unha persoa que se fixo a si mesmo e que día a día o seu optimismo vital levouno ó éxito empresarial. 

Pouco tempo tivo iste ourensán para disfrutar da súa xubilación. Con todo, deixa nas persoas que o coñecimos un recordo de admiración e a dór de perder a un home querido e apreciado.

Sentido pésame para a súa dona, fillos e demais familia.